12/11/12

     

    

Conferencia sobre o Castro da Forca

 

Xulio Carballo Arceo desvela algunhas claves do Castro da Forca nunha conferencia co título "Da aldea da Forca ao oppidum do Trega"

 

Xulio Carballo Arceo, arqueólogo do Servizo de Patrimonio da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e O.U en Pontevedra, foi o ponente da terceira conferencia que co gallo do Centenario da Sociedade Pro Monte organizou, o 9 de novembro, a comisión creada ao efecto polo Padroado Municipal Monte Santa Trega e o concello da Guarda.

Antes de comezar a falar "Da aldea da Forca ao oppidum do Trega", Carballo Arceo foi presentado ao público asistente polo tamén arqueólogo, Víctor Barbi quen lembrou algúns dos traballos realizados polo conferenciante e as obras de divulgación que tratan sobre o patrimonio arqueolóxico galego visitábel. E deu conta tamén de que foi o director das escavacións realizadas no Castro da Forca cuxa Memoria de Escavacións, dixo o presentador, segue a ser obra de consulta obrigada para calquera traballo relacionado coa cultura galega.

Víctor Barbi tamén mencionou a algunhas persoas que colaboraron nas escavacións, como Cándido Verde Andrés, e non se esqueceu de “Josefina Lorenzo que deu de comer a todo o persoal das escavacións e deixou o local para almacenar o material procedente das escavacións”.

Xulio Carballo Arceo comezou a súa intervención dicindo que con este acto “volvo a unha parte das miñas orixes arqueolóxicas”. Datou a Cultura Castrexa como un periodo que vai do século IX antes de Cristo ao I despois de C. e clarexou que non ía falar do castro de Santa Trega, que será obxecto doutra das conferencias deste ciclo e que impartirá Antonio de la Peña Santos, pero si mencionou que o pobado galaico romano situado no alto de Santa Trega, sen ser unha cidade, ía camiño de selo.

No termo xeográfico da Guarda mencionou outros asentamentos castrexos, ademais dos citados como o Pico da Bandeira, a castriño de Mallouco e outro posible castro en Zamar.

Dentro dos modelos de ocupación do territorio, o castro da Forca, que se atopa no Montiño, corresponde aos poboamentos en contextos de terras  con posibilidades agrícolas, e pertencía ao territorio dos Grobios, que ocuparon o suroeste da provincia de Pontevedra. Cunha extensión de aproximadamente unha hectárea, este asentamento que foi unha aldea fortificada, debía ter unha poboación en torno aos cen habitantes.

Trátase a Forca dun castro moi alterado por actuacións sobre o seu espazo como a realización dunha antiga estrada que o afectou polo leste, a apertura de boquetes, e mesmo a actual estrada de acceso ao monte. Sen esquecer algunhas escavacións furtivas levadas a cabo.

Considerou que a orixe das escavacións realizadas en 1984 estarían nunha denuncia que algn realiza dous anos antes por unhas obras que se estaban a realizar e que afectaban ao xacemento, sendo paralizadas polo organismo competente. Avaladas polo Museo de Pontevedra, en 1984 se realizan unhas escavacións de urxencia que determinan a antigüidade do poboado datándoo no século IV a. de C. A partir destas escavacións, e apoiándose na proxección de imaxes obtidas durante esa actuación, foi relatando os achádegos que se realizaron, explicando as construccións atopadas, sinalando a existencia de infraestruturas, como as canles de auga, os enlousados. Tamén a aparición de construccións complexas e indeterminadas que poderían estar relaciondas coa fundición de materiais cuxos restos aparecían nas proximidades. Mencionou que os conxuntos famliares de Santa Trega, tamén se observan na Forca e desvelou que os muíños circulares, que se atribuían aos romanos, aparecen en castros non romanizados, como este da Forca, sendo a orixe dos mesmos púnicos.

Respecto a aparición de industria lítica tallada, incluso algunha pedra puída, nestes contextos, explicouna pola pervivenza do seu uso fronte ao ferro, que era un material escaso e prezado. Estes cantos rodados foron tallados no mesmo castro, como o evidencian as lascas atopadas durante as escavacións. A ausencia de material romano, e a presenza de pastas vítreas do Mediterráneo, púnicas, e mesmo restos de cerámicas gregas (ática) pertencentes a cráteras de campana, poderían estar descubríndonos que no século IV alguén na Forca ostentaba o poder.

Aparecen tamén cerámicas con decoración exclusivas da Forca, o que deu motivo a algún investigador a falar dunha ornamentación como “tipo Forca”, e que se documenta en zonas do interior, por razóns de intercambio comercial.

Este encontro coa cultura castexa centrada na Forca rematou con algunhas preguntas do público e a entrega duns recordos a Xulio Carballo Arceo e a Víctor Barbi.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Presentación Homenaxe á Marea Branca

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2011

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com