28/01/2013

     

    

Estafados polos bancos

 

Tensión na Guarda tras finalizar o pleno municipal e durante a intervención dos afectados polas preferentes

 

            Tensión foi a rexistrada o venres, 25 de xaneiro, ao finalizar o pleno ordinario da Guarda, cando o alcalde, seguindo o Regulamento, cedeu a palabra ao portavoz da Plataforma de Afectados pola estafa das preferentes e subordinadas que, practicamente, ocuparon o salón de sesións e mantiveron, durante o desenvolvemento do plenario, a súa actitude respectuosa coas distintas intervencións dos grupos municipais.

            Eladio, o portavoz dos afectados, tomou asento á beira do alcalde para formular tres peticións. A primeira para que desde o concello se publicite a manifestación que o día 2 de febreiro terá lugar en Santiago, co obxecto de buscar a maior asistencia posible á mesma. A segunda petición foi dirixida ao grupo municipal do Partido Popular, buscando o seu apoio expreso, explicando que “coa quíta que nos queren impor, preténdennos sacar o 50 por cento do noso diñeiro, e o outro 50 por cento trocalo por papeis non sabemos se en accións ou papel hixiénico que para o caso vén sendo o mesmo”, opóndose frontalmente á quíta e referíndose, textualmente, á entidade bancaria “que a están despezando para tentar vendela en <anacos> ao mellor ofertante”. E a terceira cuestión exposta tiña que ver coa arbitraxe para o que reclamaron máis axilidade “porque parece que están de broma”, e cada vez chaman a menos xente, lembrando que na Festa do Viño do Rosal, un cargo político prometeu “que se o Partido Popular gañaba as eleccións de outubro, o tema das preferentes arranxábase en dúas patadas, e a semana anterior ás eleccións acudían á arbitraxe preto de 300 persoas ao día, agora están a ser chamadas sobre vinte diarias e dá a sensación de que están de broma”.

            Quixo lembrar tamén o portavoz dos afectados a abstención dos populares ao votar unha moción presentada polo BNG, sobre este tema, fai uns catro meses, reclamando agora saber se os edís do PP están “de parte da cidadanía ou dos seus xefes, dos políticos, e espero que os votantes teñan isto en conta no futuro”. Esixiu aos concelleiros populares que se os seus xefes “De Guindos e Rajoy”, insisten na quita a que “os concelleiros do PP que están aquí, en público e por rescrito, dimitan dos seus cargos”, e advetiu “que vos tomedes moi en serio este tema porque en calquera momento pode ocorrer un chispazo e o que faga o chispazo terá que ir para A Lama (,,,) e a persoa que estea en fronte ao mellor ten que ir para detrás da igrexa de Salcidos  ou para A Sangriña”. Pediu tomar o asunto “moi en serio porque isto estase saíndo de nai e hai moita xente moi pillada que depende a súa vida, e a da súa familia, dese diñeiro”, a predico aos edís populares “que ides facer caso do tema cando haxa unha desgraza, e oxalá me equivoque, pero este tema non está moi lonxe”.

            A partir de aquí houbo outras intervencións, como as de Argimiro Martínez que acudirá hoxe (28 de xaneiro) á arbitraxe e que dixo que “acaban de enterrar a un home do Rosal, que ía ir tamén comigo, pero que desde que descubriu que tiña o seu diñeiro afectado, non saía do hospital: hoxe enterrárono, con 60.000 euros trincados en preferentes”. Reiterou que na comarca dle Baixo Miño hai miles de afectados “e vós (polos populares), non vos situastes a favor dos afectados... e ides ter problemas”. Tras unha ameaza de que non ían deixarlles saír do salón de plenos, mentres non manifestasen a súa posición, lembrou que o “señor Feijoo, cando se fixo a fusión dos bancos, sabía o que facía, e díxoo publicamente; que se fixo co diñeiro de todos os afectados”, e non dá a cara, a pesar de que “desde o mes de agosto hai unha petición de entrevista”, e anticipándose á petición do alcalde anunciou “que non saídes de aquí mentres non haxa unha decisión dese cinco persoas que están aí sentadas, e eles non van marchar tampouco. Que veña a policía a botarnos”.

            Interveu unha das afectadas para queixarse do trato que se lles dá aos membros do colectivo “as plataformas estamos a quedar como terroristas”, e lamentou que se beneficiaron xentes que nunca se moveron polo seu diñeiro, pero que llo devolveron grazas á mobilización das plataformas. Pediu que lle asignen quita aos que non protestan, porque eses están de acordo co que lles fixeron, pero aos que protestamos “que nos paguen, e quitámonos do medio”.

Criticaron a certo concelleiro do Rosal ao que devolveron o seu diñeiro “e non tivo a capacidade de porse diante dos veciños”.

Quixo mediar o alcalde aludindo a un  apoio da corporación aos afectados, “eu estou convencido de que todos consideramos que é unha estafa, de que fostes estafados  e que, por tanto, todo o mundo está convosco”, interrompéndolles as voces que reclamaban escoitar ese apoio por boca dos populares. Fany Iglesias, portavoz dos populares, interveu para asegurar que os afectados “contan e teñen o apoio do grupo popular da Guarda”, aquí foi interrompida e solicitou que a deixasen falar, que é o que lle pediron.  Explicou que a súa abstención, fai catro meses, á moción do BNG foi en base ao posicionamento dos concelleiros do PP que defendían a vía da arbitraxe como solución máis rápida á demanda dos afectados, e que o que recollía aquela moción non era “o apoio ou non aos afectados polas preferentes, senón o sistema de pago, votábase o tema da arbitraxe, propúñase se ir pola vía xudicial ou pola vía da arbitraxe; nós defendiamos, e defendemos, o tema da arbitraxe porque é unha forma máis rápida e máis eficaz de que os afectados cobren”. E lembrou Fany Iglesias, a convocatoria dun pleno extraordinario no que se tratou unha moción conxunta de todos os grupos municipais, na que todos os concelleiros votaron a favor “e xa aí situámonos a favor dos afectados e dos estafados polas preferentes”.E concluíu a portavoz popular, asegurando que “contan co noso apoio”.

Aínda así, as palabras da portavoz popular non convenceron aos presentes que reclamaron a dimisión dos seus cargos se desde o Goberno se mantiña a quita, reclamándolles o compromiso público de que así o farían, e déronlles cinco días de prazo para manifestarse por escrito, ameazando con acudir ás portas das casas de cada un dos concelleiros do PP se, transcorrido ese tempo, non se manifestaron. Aseguraron noutro momento os afectados, que a parálise económica do Baixo Miño, en parte, é como consecuencia desa falta de recursos que impide investir no comercio de proximidade de modo que “a comarca do Baixo Miño está morta”.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Peche dos

estafados coas

preferentes (2)

 

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com