02/10/2014

     

    

Espada en Tapas

   

A Guarda promocionará o peixe espada coa iniciativa de ORPAGU “Espada en Tapas”

 

            A sede de ORPAGU acolleu a presentación de “Espada en Tapas”, que se celebrará os días 3, 4, 5, 10, 11 e 12 de outubro coa participación de 16 restaurantes da Guarda que ofrecerán, cada un deles, unha peculiar elaboración a base deste produto.

            No acto de presentación, ademais do presidente de ORPAGU, Joaquín Cadilla Castro; a xerente, Juana M. Parada Guinaldo, e os restauradores, estiveron presentes o alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas, e a edil de Turismo, Montserrat Magallanes, así como a responsable da Oficina de Turismo, Rosalía Verde.

            Juana M. Parada sinalou que “Espada en Tapas” ten como obxectivo a promoción deste produto pero tamén colaborar coa economía local, e adiantou que son 16 os restaurantes que participan nesta ruta promocional na que terán premios a mellor tapa, na que se valora a presentación, textura, orixinalidade e sabor. Entre os comensais sortearase unha cesta con produtos da Organización de Palangreiros Guardeses.

            O alcalde da Guarda lembrou que esta localidade conta coa frota máis importante na pesquería do peixe espada; destacou tamén que os bos restaurantes da Guarda e o exquisito produto, xunto coa imaxinación que se pon á hora de elaboralo, converterán esta cita nun atractivo.

            Noutro momento comprometeu a colaboración do Concello na medida que as súas posibilidades o permitan. Adiantou que durante esta cita haberá actividades paralelas, entre ela a participación dos grupos “Deixandar”, “Zanfonos” e “Na Revolta” que porán a nota musical nas proximidades dos restaurantes participantes. Contratarase un fotógrafo profesional para entregar, a cada establecemento, unha fotografía enmarcada do seu produto, e contrataranse cuñas publicitarias para dar a coñecer esta cita gastronómica máis aló da contorna.

            O presidente de ORPAGU, Joaquín Cadilla Castro, destacou a posta en valor do peixe espada, pero tamén a necesidade de colaboración entre o sector pesqueiro e a restauración creando lazos entre ambos os sectores.

            Noutro momento referiuse ás dificultades das frotas pesqueiras que obrigan á súa desaparición, pero ORPAGU realiza un esforzo en sentido contrario para manter as súas unidades. Finalmente destacou que a frota da Organización de Palangreiros Guardeses realiza unha pesca sustentable e de boas prácticas.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Celebración do Voto na Guarda

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2013

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com