23/05/2013

     

    

Gastronomía no Parador de Tui

Reportaxe: Beti Rey

 

O “Enxebre San Telmo” presenta unha oferta de gastronomía galega no Parador de Tui

 

 “Enxebre San Telmo” é o nome da nova proposta gastronómica que presenta o Parador de Tui. Foi presentada o mércores, 22 de maio, pola directora de Paradores, Ángeles Alarcó, acompañada de autoridades locais entre as que estaban o tenente alcalde de Tui, Nicolás Lorenzo, e o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes.

A nova carta de “Enxebre San Telmo” consta dun total de 20 pratos distribuídos en 5 grupos e as sobremesas. E inclúen “Na Lousa” lascas de lacón, empanada ou croquetas, entre outros, “Da Horta” poderase tomar ensalada enxebre, caldo galego, arroz caldoso, ou un prato de verduras, “Das nosas rías” haberá moluscos de concha coma zamburiñas ou mexillóns, polbo, chipiróns,.. “De matanza” presentarán unha Tixola de ovos fritos con zorza e patacas e outra de raxo en adobo con patacas. Mentres que “De temporada” se inclúe un peixe, unha carne e un prato de temporada.  Por último nas “Larpeiradas” haberá catro postres para elixir un típico da zona de Tui.

Na presentación de onte o tenente alcalde de Tui, Nicolás Lorenzo, desculpou a ausencia do alcalde, e lembrou que o rexedor tudense foi unha das persoas que, representando ao Concello de Tui, loitou por manter o parador aberto.  Nicolás Lorenzo engadiu que “para Tui o Parador é un dos activos máis importantes” afirmando que “Tui non se pode permitir vivir de costas ao Parador, nin o Parador de costas a Tui”, e concluía afirmando que “entre todos temos que por este establecemento en valor”.

O presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, falou do traballo que a Eurocidade está a facer en distintos eidos, entre eles o turístico, e afirmou que o Parador de Tui e a Pousada de Valença se complementan no espazo da Eurocidade. Afirmou o presidente valenciano que “a Eurocidade traballa para minimizar os efectos da crise”.

Por último tomaba a palabra a presidenta de Paradores, Ángeles Alarcó, quen entre as medidas que están levando a cabo para revitalizar a cadea de Paradores está a presentación desta nova oferta gastronómica. Explicaba que é “axil” e busca ensinar a gastronomía de cada lugar. Deste xeito en Tui o “Enxebre San Telmo” ten personalidade propia, e explicaba as reformas acometidas para darlle precisamente esa marca. Tamén explicou que o obxectivo é achegar o Parador ao municipio. Para rematar explicaba o funcionamento do pasaporte Enxebre. Un documento que se irá selando despois de disfrutar dun dos 7 Enxebres que hai en Galicia, e no momento de reunir sete selos – non teñen porque ser todos diferentes – Paradores agasallará cun menú gratuíto nun dos Enxebres galegos.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

A Guarda celebrou a Feira do Libro na Praza do Reló

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com