30/10/2013

     

    

Manifestación de emigrantes retornados en Tui

Reportaxe: Beti Rey

 

Emigrantes retornados solicitan en Tui a anulación dos expedientes sancionadores

Medio centenar de persoas concentráronse onte á mañá na praza de San Fernando ante a Axencia Tributaria para demandar un trato xusto e igualitario para os Emigrantes Retornados e Pensionistas.  Así figura no escrito de queixa que presentaron no Rexistro da Axencia Tributaria de Tui en nome de Plataforma de Emigrantes Retornados do Baixo Miño.  Posteriormente foron recibidos polo administrador da oficina de Tui a quen expuxeron a súa problemática e as súas demandas. Solicitaron así a revogación dos expedientes xa iniciados e a devolución dos cartos pagados, a anulación dos expedientes sancionadores, e a modificación da Lei para garantir a igualdade de trato para os emigrantes retornados.  Nese encontro o administrador explicoulles que a lei xa existía dende hai uns anos e os remitiu ao delegado especial de Facenda na Coruña a quen pedirán agora cita. Contábao José Benito Alonso, voceiro da Plataforma, quen indicaba que se coordinarán coas outras plataformas galegas.

Os emigrantes afectados xa polas multas, ás que tiveron que facer fronte, quéixanse da información recibida ata o de agora onde ninguén lles informaba de que tiñan que tributar polas súas pensións do estranxeiro. Tamén lamentan que sen ningunha advertencia lles estean chegando directamente as multas.

Na concentración desta mañá en Tui dábanse cita tanto emigrantes retornados que xa tiveron que facer fronte as multas que algúns pagaron xa por importe de 9 mil ou 6 mil, e outros en solidariedade cos seus compañeiros, e preocupados ante o feito de que tamén poidan recibir estas sancións nos próximos días.

Á concentración desta mañá asistiron representantes do BNG e do Partido Socialista.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Homenaxe ás vítimas do franquismo

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com