19/04/2013

     

    

Presentación Mostra de Cultivos

Reportaxe: Beti Rey

 

A Mostra de Cultivos do Baixo Miño cumpre dez anos cunha aposta pola profesionalización

O Pavillón de Deportes de Goián acolle este fin de semana a 10ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño organizada por ACUBAM, a Asociación de Cultivos do Baixo Miño, e o Concello de Tomiño.

Esta é a única feira do sector que se segue celebrando en Galicia o que pon de manifesto “que o Baixo Miño é un punto de referencia en toda España e comeza a selo tamén en Europa”. Así o explicaron na presentación da Mostra a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente de ACUBAM, José Cosmé, acompañados por Patricia Rodríguez de Pamiplant, Rafael Carreira de Foncal, Natalia Peixoto de Viveiros Nilo, Manuel Bacelo de Subministros Hortícolas Bacelo e Álvaro Lorenzo de Talleres El Milagro.

José Cosmé explicou que a celebración desta décima edición demostra que este certame está consolidado, e que a pesar da actual situación económica a Mostra continúa con “máis forza”.  Engadiu que este ano fixeron un cambio substancial neste evento apostando pola súa profesionalización, pero sen esquecer o achegamento á xente da comarca par dar a coñecer a importancia que os cultivos teñen no Baixo Miño. Nese sentido apuntaba que traballan no sector de forma directa 500 persoas, e 200 máis o fai de forma indirecta, por exemplo nas empresas de transporte de plantas. O 70% destes traballadores dos cultivos son mulleres. Outra cifra destacada dada a coñecer é a facturación anual das empresas vinculadas aos cultivos que en conxunto suman entre 70 e 75 millóns de euros. Ademais o 40% da produción destínase á exportación e o 60% restante destínase ao mercado nacional. Na comarca hai 600 hectáreas de terreo dedicadas ao cultivo de planta e flor.

Esta será a primeira Mostra de Cultivos organizada directamente por ACUBAM, coa colaboración do Concello de Tomiño. ACUBAM,  a Asociación de Produtores e Empresas Auxiliares da comarca, parte co obxectivo de promocionar o sector, profesionalizalo e promover valores que até o momento estaban “durmidos”. Trátase de traballar ao longo de todo o ano e non só para a Mostra que se celebra no mes de abril.

Desde ACUBAM fan ademais unha aposta importante pola formación dos alumnos dos colexios do municipio con quen levan traballando ao longo do últimos tres meses. Os alumnos visitaron distintos viveiros e están a coidar plantas na súa aula. Se ten algún problema poden chamar ao Teléfono Verde, habilitado para solucionar as súas dúbidas no coidado das plantas. Este fin de semana mostrarán tamén o seu traballo nun posto propio dentro da Mostra de Cultivos no Pavillón de Goián.

José Cosmé explicaba que o sector está a aguantar moi ben o stress da actual situación económica. Un feito que é posible grazas ao traballo que están a realizar as distintas empresas produtoras xunto ás de transportes que se encargan da loxística para a distribución de plantas a toda Europa. Como dato citaba que cada semana saen entre 15 e 20 camións cargados de plantas do Baixo Miño.

Apuntaba tamén que estas empresas están a apostar de forma importante polo investimento en tecnoloxía co que reducen custos e melloran a calidade do produto. Ademais explicaba que constantemente están a buscar novos mercados, sendo precisamente un dos obxectivos de ACUBAM “unir forzas e buscar proxección de futuro entre todos”.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou na presentación que este é un sector que “ten os deberes feitos” e de difícil deslocalización polas especiais condicións que precisa para o desenvolvemento da súa actividade.  Agradecía o traballo realizado pola primeira directiva que impulso este certame porque foron “visionarios”, á vez que falando do futuro eloxiaba a creación de ACUBAM indicando que “é unha forma de camiñar xuntos, crear sinerxías, aprender”.

A feira contará con 30 expositores de flor cortada, viveiros, empresas auxiliares... que exporán os seus produtos no interior do Pavillón de Goián. No exterior, por vez primeira, este ano instalarase un xardín elaborado por Xardineiría dá Fonte.  A inauguracións será mañá sábado ás 12h.

Como actividades paralelas o sábado desde as 16h e o domingo todo o día haberá unha exhibición, por primeira vez na provincia de Pontevedra, de modelado de madeira con motoserra. Ademais o sábado ás 16h actuará para os nenos o Contacontos Anxo Moure. Pola mañá, ás 11h, o Banco Mediolanum organiza unha charla sobre “A actual situación de crise”. A todo isto súmase a exposición de bonsáis de Javier González que se poderá visitar no Auditorio de Goián.

Agardan superar o 15 mil visitas entre o sábado e o domingo para o que difundiron a Mostra entre todos os seus clientes, así como en redes sociais como Facebook, Twitter ou Google + ou na propia web da Mostra de cultivos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

"Solos",

propuesta

del Ballet Studio 88

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com