25/03/2013

     

    

Barferencia sobre Os cuncheiros

  

"Os cuncheiros do Trega no contexto da Idade do Ferro Galego" tratados nunha barferencia no Arruaz

 

         O Restaurante Arruaz, na Rúa do Porto, foi o venres, 22 de marzo, o marco que acolleu unha nova barferencia promovida polo Padroado Municipal Monte Santa Trega, organizada desde a Comisión Pro Centenario da Saciedade Pro Monte, para conmemorar a fundación, hai cen anos, dunha institución que marcou un fito na cultura guardesa, a Sociedade Pro Monte Santa Tecla.

         Foron nesta ocasión os relatores os arqueólogos Víctor Bejega e Eduardo González Gómez de Agüero quen falaron de "Os cuncheiros do Trega no contexto da Idade do Ferro Galego". Presentados polo tamén arqueólogo Leo González Pérez, contratado polo Padroado Municipal Monte Santa Trega, para levar a cabo as visitas guiadas no Monte, lembrou os traballos de investigacións nos que teñen participado os arqueológos citados así como aqueloutras actuacións encamiñadas á divulgación as arqueoloxía, nomeadamente relacionados coa malacoloxía.

         Victor Bejega, que se alternou no uso da palabra con Eduardo González, centrou a súa disertación nos moluscos dos cuncheiros, repasando aqueles xacementos estudados polos arqueólogos presentes nesta barferencia, previa unha introducción na que explicaron que son os cuncheiros e a súa orixe.

         Estes vertedoiros permiten conservar moi ben os materiais nun solo, como o galego, que pola súa acidez non facilita a permanencia da materia orgánica, de materiais metálicos e mesmo cerámicos, polo que esta acumulación de cunchas son como “cápsulas do tempo”, que impiden o deterioro dos materiais.

         Foi en Escandinavia onde comeza o interese polos kjoekkenmoeddings, una palabra que significa “restos de comida”, e cuxo término tamén pasaría a Galicia para designar aos cuncheiros, supostamente porque o uso deste termo tiña unhas connotacións máis “científicas” que o vulgar “cuncheiro”.

         Bejega e González Gómez repasaron tamén as explicacións que os arqueólogos daban sobre estas acumulacións de cunchas. E así lembraron como Eugenio Jalhay e Domínguez Fontela puxéronos en relación cos xacementos asturienses, e López García, xa os relacionou co castro de Santa Trega, adscribíndoos á Idade do Ferro.

         Do estudo dos concheiros galegos extrapólanse diferentes datos. Por exemplo, a evidencia da pesca, os útiles empregados para realizar esta actividade, como anzois e pesos de rede.

         A influencia romana, que deixou a súa pegada nos pobos sometidos, afectará tamén a alimentación. Xurde un incipiente comercio de marisco desde a costa cara ao interior, o que explicaría a presenza de determinadas especies mariñas en xacementos separados da costa e, curiosamente,  ausentes nos recintos castrexos litorais, froito desa comercialización, destinándose “á exportación” os máis prezados, determinado una forma de prestixio social o seu consumo.

         No decurso da exposición, analizáronse as capturas de diferentes especies piscícolas en distintos castros. E, finalmente, mencionouse que durante a fase Galaico-Romana e Altoimperial, debeu darse xa una diversificación e especialización –incluso antes-, como puido ser a obtención de tintes a partir das púrpuras.

         Rematou a barferencia entregando os concelleiros de Patrimonio e de Cultura, Javier Crespo e Antonio Lomba, respectivamente, sendos recordos aos ponentes e a Angel Baz, propietario do Arruaz, pola cesión do local para impartir a conferencia en cuestión.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Luis Correa "Caruncho" e Carlos Do Viso

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com