13/01/14

     

    

Arqueoloxía no Castelo

    

A cafetería Barros da Guarda acolleu a primeira das barferencias sobre o Castelo

 

            A cafetería Barros acolleu a primeira das tres barferencias organizadas desde o departamento de Patrimonio, do concello da Guarda, baixo a responsabilidade de Javier Crespo, e que teñen que ver con Castelo de Santa Cruz.

            Abriu as barferencias Juan José Perles, que co título “Os traballos arqueolóxicos no Forte de Sta  Cruz”, e apoiándose na proxección de imaxes, foi explicando a metodoloxía e os traballos realizados no Castelo de Santa Cruz, incluíndo algúns achádegos habidos durante esa etapa.

            Presentado por Manuel, quen destacou os traballos realizados polo conferenciante, Juan José Perles comezou por precisar termos como “castelo” e “fortaleza”, que puxo en relación coas armas de guerra empregadas nos correspondentes espazos de tempo relacionados con esas construccións defensivas, explicando que foi o emprego da pólvora o que motivou que, fronte a altura dos castelos, primase un desenvolvemento máis horizontal, e o fortalecemento de muros para resistir os impactos dos canóns. As técnicas de guerra esixían unha modificación no sistema defensivo.

            Coa axuda das imaxes, foi explicando as distintas estruturas do Castelo de Santa Cruz, entre elas o “camiño cuberto”, que tiña o seu paralelismo coas trincheiras. Destacou, noutro momento, a edificación de Santa Cruz, coma unhas das construccións relacionadas cos portugueses en Galicia realizadas en pedra (as outras son a fortaleza de Goián, que é posterior ao Santa Cruz, e a de Salvaterra).

            Máis adiante explicou as fases de restauración e recuperación de elementos perdidos no castelo, sendo nalgún caso preciso escavar para atopar restos que determinasen a dirección dos muros exteriores, como acontecenu, por exemplo, na recostrucción do baluarte da Guía; e tratouse de dar resposta a dúbidas que ían xurdindo, coma a cortina do oeste, construída en terra, e para a que se fixeron distintas sondaxes co fin de atopar unha resposta que indicase se, en orixe, fora de pedra.

            Recheos, a aparición de pavimento endurecido, descubrimento do enlousado das troneiras e a eliminación dun alpendre nas proximidades do baluarte da Guía, foron outras actuacións que se levaron a cabo neste espazo que desde o 6 de decembro pasou a ser parque urbano da Guarda.

  

Outra forma de ver a reportaxe: premer nas imaxes

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Inauguración ofical Castelo de Santa Cruz

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2013

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com