14/06/2013

     

    

Anne Chantal, no Camiño Portugués pola Costa

 

Unha vietnamita cunha enfermidade dexenerativa fai o Caminho Portrugués pola Costa

 

            Anne Chantal entra na Guarda acompañada por Luis do Freixo, valedor do Camiño Portugués da Costa, e a súa muller, Cristina Lorenzo. Ela, Anne Chantal, é sudvietnamita, residente en Lübeck, (Alemaña), xa no Báltico, que fai o  Camiño Portugués da Costa con Uwe Johann, alemán, segredario da asociación Verein der Rollstualfahrer Und Gehbehinderten, declarada de Utilidade Pública, e da que Anne Chantal é presidenta. Trátase dunha asociación de persoas con discapacidades aos que animará, sen dúbida, a que como ela, fagan o Camiño. “An” trae unha cinta métrica: quere recoller as dificultades que atopa nos accesos. Neste sentido non sempre pode acudir aos albergues para compartir experiencias con outros peregrinos, ao non estar adaptados ás necesidades das persoas con algún tipo de deficiencia motora.

            Porque ela, Anne Chantal desprázase en cadeira de rodas, sobre a que se levanta  abandeira tribarrada vermella, con fondo amarelo. Unha enfermidade dexenerativa condenouna á inmobilidade. En xaneiro perdeu a visión, e os médicos aseguráronlle que non volvería ver. Malia ó seu presente, e un temeroso futuro, mantén un sorriso eterno, contaxioso, optimista; e observa a vida en positivo. Un dáse conta vendo simplemente as súas zapatillas vermellas con dúas iconas que son dúas caras sorrintes. Luis percibe esa intensidade vital “como as ganas de recoller toda vida que debería ter por diante, para que non se lle escape”.

            En febreiro conseguiu recuperar, malia a diagnose dos médicos, “un pouco de visión”. Cóntao coma unha miragre, causa de que estea agora no Camiño. “Pedinlle á Virxe que me axudase a encontrar o punto da acupuntura que me fixese ver”. Ela é médica, practica a medicina tradicional, pero descoñecía onde estaba ese “punto”. Logrouno, e prometeu facer o Camiño de Santiago. Coida que mesmo o avión que a trouxo, foi unha miragre. Polas súas limitacións, non podía facer trasbordos utilizando trens e autobuses, pero cando tiña decidido o día, xurdiu un avión directo desde Lübeck a Porto.

Desenvólvese en francés, en alemán, algo en español. Anne Chantal é tenaz, decidida; e se pode valerse por si mesma, rexeita a axuda amablemente. “Incluso”, di Luis do Freixo, “cando por mor das pedras frean as pequenas rodas dianteiras da cadeira, entón ela saca esa forza incrible para superar os obstáculos”.

            Anne Chantal conta que a súa nai é budista “e eu tamén era budista, pero hai dez anos coñecín a virxe de Lisieux”, e aprendeu a rezar o Avemaría en latín. E houbo unha transformación na súa vida “Non son católica; son crente: creo na Virxe, en Deus; pero non nos curas, nin na igrexa”.

            Cada día percorren entre 15 e 20 km. O 9 de xuño saíron de Vila do Conde. Marinhas, Viana do Castelo, Áncora, A Guarda, Mougás, Ramallosa, Vigo... e seguirán, segundo o programa previsto, ata chegar a Santiago o 25 de xuño. Pero antes acudirá a Pontecesures, á fonte de Augasantas, onde, segundo a lenda, mana unha auga meragrosa par aos ollos anoitecidos. Irá daquela na compaña de Ales, un hospitaleiro que rexenta un restaurante solidario: Mesa de Pedra, e do que soubo polo Facebook.

A paisaxe galega e a portuguesa, parécenlle marabillosas “o mesmo que  as xentes”: abertas, amables, solidarias. Sorpréndese de que a animen e a saúden persoas coas que se cruza e non coñece; chámalle a atención cando desde os camións tamén a animan tocando o claxon. Non parece disgustarlle a chuvia que tiveron como compaña “A chuvia é o sol líquido”, manifesta co seu peculiar sorriso.

Na Guarda, Anne,  Uwe Johann, Luis e Cristina, foron recibidos polo alcalde, José Manuel Domínguez Freitas, que os acompañou ao albergue de peregrinos. Antes de rematar a entrevista, Anne amósame as xeonlleiras, explícame que as leva para non facerse daño no caso de que venza a cadeira. E despídese co mesmo sorriso co que entro una Guarda.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Escolares

do CEIP A Sangriña

e o "alitán"

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com