03/06/2013

     

    

Sendeiro a Cea-Pitoes

 

Sendeiristas guardeses coñeceron ao Sendeiro A Cela-Pitoes, no parque transfronteirizo do Xeres

 

            Preto dun cento de sendeiristas participaron o sábado, 1 de xuño, na visita guiada polo sendeiro da Cela-Pitoes (Lobios, Ourense), nunha xornada climatoloxicamente agradecida, e un percorrido no que destacaron, a estas alturas da primavera, as cores: amarelos, verdes, lilas, castaños, distintas tonalidades de azuis…

            Recursos etnográficos, vistas panorámicas, regatos, cabalos e vacas en liberdade, aldeas abandonadas, aguias planeando, elementos singulares e algunha mámoa, por citar só algúns valores atopados no transcurso da andaina, fixeron deste percorrido un dos máis interesantes dos realizados nesta tempada, dentro da programación da Concellaría de Deportes, do concello da Guarda.

            A ruta, que veu precedida dun achegamento á aldea portuguesa de Pitões das Júnias (freguesía de Montalegre), onde se visitou un antigo forno e o ecomuseo, realizouse nun espazo incluído na Reserva da biosfera Xurés-Gerês, guiada por José Antonio Amoeiro, director do Parque Transfronteirizo, que deu as oportunas explicacións dos valores deste espazo, no que tamén destacan as acumulacións de bloques graníticos, que nos descobren a existencia, noutras épocas, hai uns dez mil anos, de glaciares, que ao retirarse permitiron a “creación” das pedras cabaleiras.

            O xantar realizouse en Salgueiro, unha aldea abandonada, adquirida pola Xunta de Galicia que iniciou a súa recuperación, aínda que coa crise económica, os investimentos coñecen un “parón”.

            Foi, esta cuarta andaina de 2013, unha fermosa oportunidade de coñecer outros lugares do país galego, que non defraudou a niguén.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Charla-coloquio sobre a recuperación do Traxe Galego

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com