09/07/2013

     

    

Castelo de Santa Cruz (1)

ver seguinte reportaxe

 

A seguinte reportaxe foi realizada cando se acometeu a primeira limpeza do Castelo en 2005. (Mañá segunda parte)

 

            O Castelo de Santa Cruz, por mor do reiterado incumprimento dos compromisos asumidos pola Xunta de Galicia para este espazo, desde o Goberno bipartito ata a actualidade, asinando sucesivos convenios que non chegaban a concluír nin as obras nin as finalidades de futuro para o Castelo, continúa unha lenta peregrinaxe para converterse, ademais dun lugar de encontro para os guardeses, no Centro de Interpretación das Fortalezas.

Repasando un poco a historia do proxecto que determinará o futuro do Castelo, lembramos que o 1 de marzo de 2012 o Consello da Xunta autorizaba asinar un novo convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o concello da Guarda, por importe de 184.000 euros, para rematar as obras de construción do centro de interpretación das fortalezas do Baixo Miño, iniciadas en 2009 no Ben de Interese Cultural do Castelo de Santa Cruz, que contará cun espazo expositivo, unha área de recepción, unha cafetaría e aseos.

            A achega está lonxe das primeiras cifras, manexadas para este espazo, cando a Xunta de Galicia, en xuño de 2005, sendo alcalde José Luis Alonso Riego, prevía un investimento para a rehabilitación integral do Castelo de 1.034.531,66 euros.

            O incumplimento do compromiso da institución galega, levou a que o alcalde da Guarda, José M. Domínguez Freitas, xunto co concelleiro de Patrimonio, Javier Crespo, xestionasen en Madrid, durante o Goberno de José L. Zapatero, con cargo aos fondos que se xeneran co 1% Cultural pola contratación de obra pública, unha importante axuda que supuxo, trala súa aprobación pola comisión interministerial de Cultura y Fomento, o 5 de xullo de 2011, o 75% do investimento necesario (775.000 euros) para o "Proxecto Básico de Execución de Posta en Valor do Castelo de Santa Cruz", presentado polo Concello de A Guarda, que ascende a 1.033.931 euros. O restante 25%, quedaría a cargo da Xunta de Galicia, e do propio Concello, non logrando o rexidor local superar o 12,5 por cento aportado pola Xunta de Galicia, malia a petición en Pleno (16/09/2011) por parte do BNG, de que a Xunta, que inclumplira o convenio, reclamase que a institución autonómica asumise tamén o 12,5 por cento do concello.

            Con ese investimento, entre outras obras, ademais da execución do Centro de Interpretación, se acometerá a reconstrucción da cara Sur do baluarte da Guía, cara Leste do baluarte de Santa Trega, parte da cortina Sur, entre os baluartes de Santa Trega e de San Sebastián, así como a parte Oeste do baluarte de San Sebastián. Ademais, o proxecto redactado polo estudo de arquitectura Arqab, de Vigo, recolle a poda de árbores e o desbroce da maleza, e distribúe o espazo interior en tres zonas: o parque botánico; o camiño de ronda, pavimentado en xabre, e a plaza de armas, con pradeira natural, ademais da instalación de luminarias empotradas.
            O 27 de xaneiro de 2012, apróbase o expediente de contratación, pregos de cláusulas administrativas particulares-técnicas que rexirán o concurso para adxudicar o contrato de obras da posta en valor do Castelo de Santa Cruz na Guarda, na parte correspondente á financiación do 1% cultural do Ministerio de Fomento, e o 20 de marzo de 2012, en sesión extraordinaria da Corporación, apróbase por unanimidade (PSOE, PP, BNG e CG) o Convenio de Colaboración entre a Consellería de Cultura,Educación e Ordenación Universitaria e o Concello da Guarda para a finalización das obras de construción do centro de interpretación das fortalezas do Baixo Miño, no Castelo de Santa Cruz da Guarda, facéndose referencia, durante o pleno, aos actos vandálicos sucedidos no interior do Castelo que estragaron algunhas das obras xa realizadas con anterioridade. Tamén clarexaba daquela o alcalde que o novo convenio fornecía fondos para acometer a obra física, pero non se falaba de contidos,  polo que Domínguez Freitas adiantaba que se mantiñan conversas cun colectivo portugués que podería facilitar obxectos para dotar o Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

ver seguinte reportaxe

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Clausura

da Festa

da Lagosta

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com