17/12/12

     

    

Conferencia sobre flora ornamental

 

A flora ornamental de Galicia foi o tema da conferencia de Carlos Rodríguez Dacal no local da Asociación O Percamino da Gándara

 

            O local social da Asociación O Percamino, na Gándara (A Guarda), acolleu a conferencia que co gallo do Centenario da Sociedade Pro Monte, organizou o Padroado Municipal Monte Santa Trega a proposta da Comisión do Centenario.

            Nesta ocasión o ponente foi o botánico Carlos Rodríguez Dacal, que presentado por Miguel Reboredo, vixiante do Conxunto Arqueolóxico do Monte Santa Trega, falou sobre a flora ornamental de Galicia dando un amplo repaso polos fitos arbóreos máis salientables da Comunidade galega.

            Miguel Reboredo fixo unha breve reseña biográfica do conferenciante, descubrindo títulos e traballos realizados por da Cal e salientando a cercanía e familiaridade que distinguen ao botánico.

            Carlos Rodríguez Dacal iniciou a viaxe pola excelencias botánicas de Galicia no Pazo de Oca, explicando a distribución espacial tanto da arquitectura coma dos parterres, e dando conta das árbores máis senlleiras coma a camelia reticulata.

            De San Xulián da Coba centrou a visita no Pazo de Santa Cruz de Rivadulla onde destacan as oliveiras e os carreiros de buxos.

            A “visita” a Santiago tiña que pasar pola Alameda “xardín de xardíns”, dixo o botánico, que acompañou esta visita con esculturas coma a estatua de Méndez Núñez, o conxunto das Marías, o bancos de Sargadelos ou a igrexa de Santa Susana.

            De Padrón, ademais de recordar o seu xardín botánico, precisou que era lugar onde Rosalía escribiu tamén algúns poemas. Neste espazo, salientou Dacal a palmeira do Senegal. Sen sr do termo municipal de Padrón, este noso guía, que apoiou a explicación na proxección de diapositivas, levou ao público ata o Mosteiro de Herbón, para presentar as palmeiras datileiras.

            A Catedral de Bambú, dixo Carlos Rodríguez Dacal, foi o nome que elexiu Álvaro Cunqueiro para referirse ás canas do balneario Davila (Caldas de Reis) inmortalizadas polo escritor galego.

            A 2 km da Toxa atópase o Monte de Siradella e aquí, nun dos cantís, está a figueira  que deu orixe á lenda do Meco; figueira ligada, tamén, ao ilustrador galego P. Sarmiento, sendo a máis antiga de Galicia, aínda que moi castigada polas inclemencias.

            O Marqués de Armijo foi quen deu esplendor a castelo de Soutomaior, no que destacan os camelios, colección única en Galicia e que levou a dicir ao conferenciante que “Soutomaior non sería o que é sen os seus camelios”.

            En Vigo a referencia está no Pazo de Castrelos, cos plataneiros centenarios e co camelio máis lonxevo ao que deron o nome do Matusalén dos Camelios, aínda que da Cal coida que debeu ser plantado en 1860 ou posteriormente.

            O carballo máis singular de Galicia podería ser o da Rocha, no concello da Rairiz de Veiga, con 35 metros de altura e ligado a Romaría de Mouros e Cristiáns.

            A carón do espectacular Mosteiro de Samos, cos seus dous claustros, atópase unha milenaria e sinxela capeliña acompañada do considerado ciprés máis antigo de Galicia, aínda que non milenario, como lle atribúe a tradición.

            En Vergonte atópase un singular castiñeiro convertido interiormente, por obra dun escultor local, nunha capeliña cando a ampliación da estrada estivo a piques de que se cortase.

            Para visitar o magnolio máis antigo de Galicia, do século XVIII, haberá que desprazarse a Narón, e en Betanzos atópase a praza que, coma homenaxe, aquel concello dedicaou ao Botánico  Carlos Rodríguez da Cal.

            Respecto ao Baixo Miño, o conferenciante referiuse ao enxeñeiro Areses, ao Viveiro de Areas e ao monte “pelado” que era o Trega, antes da repoboación promovida pola Sociedade Pro Monte,entre 1912 e 1919, atópandose, entre as poucas manchas verdes existentes, o Pinar da Santa.

            Rematada a conferencia, o alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas, entregou a Carlos Rodríguez Dacal, a Miguel Reboredo e ao presidente da asociación O Percamino, un recordo do centenario.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Celebración da Inmaculada

na Guarda

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2011

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com