28/01/2013

     

    

As Bieitas na Guarda

 

29 anos despois, as Bieitas volveron á Guarda recibidas con emoción e efusivas mostras de cariño polos guardeses

 

            A presentación, no Centro Cultural da Guarda do libro “El Convento de las Benedictinas de A Guarda 1558-1984”, da autoría do doutor en Historia Joaquín Miguel Villa Álvarez, foi a xustificación para que as bieitas, agora en Trasmañó (Redondela), regresasen á Guarda 29 anos despois da súa marcha. A igrexa conventual, onde a congregación rezou e cantou durante máis de catrocentos anos, volveu sentir a calor e as voces de nove representantes da Congregación que saíron da Guarda en 1984 para ocupar un novo mosteiro onde poder refacer a vida de oración e traballo na intimidade do espacio conventual. Había emoción, quizais tamén interrogantes de como serían recibidas. E entraron entre abrazos, emocións, bicos e palabras de reencontro. Entraron arroupadas polos guardeses que aínda as senten como algo propio deste pobo que se mira no mesmo mar que elas tantas veces contemplaron desde as fiestras polas que saían os rezos polos mariñeiros da Guarda.

Ás seis e media da tarde, coas bancadas ocupadas por familiares (catro das monxas presentes son naturais desta localidade, incluída a abadesa) e guardeses que quixeron compartir coas relixiosas un emotivo e fugaz encontro, e coa presenza dunha representación municipal encabezada polo alcalde, José Manuel Domínguez Freitas, e o concelleiro de Patrimonio, Javier Crespo, no interior da igrexa, posta baixo a advocación de San Beito, rezáronse ás Vésperas nas que as relixiosas pediron a Deus a protección para “ó pobo da Guarda, ó que amamos e recordamos con cariño nas nosas oracións, libra ós mariñeiros de todo perigo e fai que en todo momento sintan a túa protección amorosa”,

As testemuñas das “monxiñas”

Para Isabel Vicente Rey, actual abadesa do Mosteiro, esta presenza da comunidade bieita na Guarda tráelle “recordos moi agradables, porque eu son filla da Guarda e volver ás raíces sabes que sempre produce unha emoción especial. Estar hoxe aquí, neste momento, cantando ás vésperas, como tantas veces cantamos, emocióname. Mirar o altar sobre o que depositei a miña cédula de profesión, tamén me causa emoción especial”

Josefina Verde, tamén guardesa, dixo que con esta estadía na Guarda “véñenme moitos recordos. É coma retroceder no tempo. Eu revivín os primeiros anos de vocación; os primeiros anos da vida monástica... tantas cousas neste momento se moveron no maxín, que non podo evitar emocionarme. E logo o sentirme arroupada por todos vós; sentir o cariño, sentir esa unidade de que todos somos irmáns... Para min foi unha experiencia tan agradable que vos agradezo a vosa acollida, porque  é como se nunca houbésemos saído da Guarda”.

Era abadesa na Guarda Pilar Barbazán cando se produciu a marcha das bieitas, no ano 1984, “para min estar hoxe aquí suponme unha gran emoción, porque despois de vivir aquí tantos anos, emociónaste o recordar todo esto”. A que fóra abadesa, chegou á Guarda desde a súa terra, na provincia da Coruña, pasando no mosteiro da Guarda o período de formación e, despois de profesar, aos 29 anos encargouse da Comunidade. Lembra a marcha da Guarda coma un momento “moi duro, porque deixar esto é como cando deixamos a familia, tendo que romper cos lazos familiares, E eso foi o que pasou cando nos trasladamos a Trasmañó, porque aquí tiñamos un lazos moi fondos, de catro séculos, foi moi duro; pero tamén era unha necesidade, porque a situación que se estaba a dar, para nós xa non era vida monástica, sen posibilidades desa vida de silenzo, de recollemento”.

“El Convento de las Benedictinas de A Guarda 1558-1984”

            O reencontro repetiuse no Centro Cultural, minutos antes de comezar a presentación de “El Convento de las Benedictinas de A Guarda 1558-1984”, cos que xa ocupaban as butacas do salón de actos. No escenario, detrás da mesa de oradores, a abadesa Isabel Vicente Rey;  o historiador e autor do libro, Joaquín Miguel Villa Álvarez; o alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas, e o estudoso e autor do epílogo, Juan Martínez Tamuxe.

            Abriu as intervencións o alcalde, con referencias ó libro de Villa Álvarez, que resume, dixo, catro sécalos de historia, non só das beneditinas, senón tamén da Guarda e de Galicia. Recordou algunha anécdota relacionada coas bieitas coma o “remendo dun pantalón tan ben feito que non se distinguía que fora reparado”. Falou dos tempos de crise e do apoxeo conventual, do labor das “monxiñas”, como cariñosamente se referían a elas na Guarda, dedicadas á horta, á granxa, a facer xerseis de punto para os mariñeiros, ó ensino. “O convento e as beneditinas”, dixo o alcalde, “formarán parte sempre da historia e do ser desta vila”. Emocionáronse e esvararon bágoas polas meixelas dalgunhas relixiosas coas palabras de José Manuel Domínguez Freitas quen rematou o seu discurso asegurando ás relixiosas que “as xentes da Guarda quérenvos e sempre vos estarán agradecidas”.

            Tomou a palabra, acto seguido, a abadesa, Isabel Vicente Rey, quen comezou dicindo que “non me esperaba este recibimento” agradecendo, emocionada, a presenza dos asistentes a este acto. Do libro dixo que “é o froito dunha investigación minuciosa realizada polo historiador da Guarda, Joaquín Miguel Villa Álvarez”, que se mergullou na documentación que recollen as orixes monásticas desta vila, e máis concretamente na vida da comunidade beneditina da Transfiguración do Señor, desde as súas orixes, en 1558, en que se comezou a xestar a fundación, ata a marcha das monxas, en 1984, á parroquia de San Vicente de Trasmañó en Redondela.

            Cualificou a abadesa a Villa Álvarez, coma “unha persoa que ama A Guarda, que espertou o cariño e admiración por esta comunidade”. Desexou que “este documento quede coma unha fonte segura para calquera investigador que desexe afondar na mesma historia da vila, pero ante todo quere esta obra, e ese foi o  noso empeño, desempolvar todo o arquivo e quere tamén ser unha homenaxe ás nosas Irmás maiores que fixeron todo o posible para que nós, hoxe, esteamos aquí”. E engadiu, referíndose a súa marcha da Guarda, que non esquecen “o cariño de tantas persoas que nos acompañaron e axudaron nesa circunstancia tan dolorosa” e que xustificou como necesaria “para o desenvolvemento da nosa propia vida monástica dadas as circunstancias nas que se viu envolto o mosteiro polo desenvolvemento urbanístico da Guarda, do que nos alegramos, pero tíñamos que buscar unha saída a unha realidade evidente: o mosteiro viuse privado da necesaria soedade para  a vida monástica”. E rematou cun novo recoñecemento ó labor investigador e á exquisitez con que tratou a documentación, Joaquín Miguel Villa, extendendo este agradecementos ás persoas que colaboraron no enriquecemento dos textos, e á Deputación de Pontevedra pola súa colaboración económica

            Xoán Martínez Tamuxe, autor do epílogo, foi o seguinte en intervir, comezando por dar os datos do libro: páxinas, gravados, medidas e ata o peso, así como o custe que terá nas librerías, entre outras referencias, para engadir, noutro momento, que o profesor Joaquín Miguel Villa Álvarez, “enfróntase a un reto histórico con este libro”.

Da obra editada, salientou que “ademais de ser a historia do mosteiro beneditino, tamén é a historia da Guarda”. E a continuación sintetizou as máis de setecentas páxinas deste volume nun resume que non foi fácil dada a tan interesante aportación, documental e novidades que se poder ler en “El Convento de las Benedictinas de A Guarda 1558-1984”.

“Incluso o autor dá a coñecer”, salientou Martínez Tamuxe, “curiosidades como que nas primeiras horas da madrugada, antes de saír os mariñeiros a faenar, xa se oficiaba misa exclusivamente para eles”, ou “que o mosteiro tiña autorización do Nuncio Apostólico para que unha monxa coidase e educase a unha sobriña de tres anos no propio mosteiro” e “houbo intención no convento de instalar un hospital” ou que “o bispo autorizounas a instalar un teléfono en comunicación cun veciño” para advertir de calquera continxencia. Son algunhas das varias anécdotas que se poden atopar nesta publicación.

E pechou as intervencións o autor, Joaquín Miguel Villa Álvarez, que lembrou que foi en agosto de 2009 cando iniciou a consulta da documentación existente no mosteiro, unha tarefa que se ía prolongar durante os tres anos e medio seguintes. “Durante todo ese tempo”, recoñeceu o autor de “El Convento de las Benedictinas de A Guarda 1558-1984” “contamos coa inestimable axuda da irmá Lolita, a monxa encargada da biblioteca e arquivo conventuais, e a responsable do seu perfecto estado de conservación. Se ben é certo que toda a documentación fora recompilada no seu día por Sor Rosario Mosquera antes do seu traslado a Trasmañó, e posteriormente clasificada polo P. Colombás en 21 cartapacios (seis deles dobres e tres triplos) conformando un total de 33 carpetas, que é como nós a atopamos”.

Para realizar tan amplo e documentado traballo, Joaquín Miguel Villa acudiu tamén a outras fontes: o Arquivo Histórico Nacional (AHN) de Madrid, a Sección Nobreza do Arquivo Histórico Nacional (SNAHN) de Toledo, o Arquivo da Real Chancillería de Valladolid (ARCHV), o Arquivo do Reino de Galicia (ARG) da Coruña, o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra (AHPP) e o Arquivo Diocesano de Tui (ADTUI). “Curiosamente, no Arquivo Municipal da Guarda a penas existe un papel relacionado coas beneditinas, fiel reflexo da constante sangría documental deste arquivo ao longo da súa vida”. Contou tamén co acceso a outros documentos en mans privadas “que amablemente nos deixaron ver os seus posuidores: Antonio González Durán, Antonio Martínez Vicente, Celso Rodríguez Fariñas e Generosa Español Navarrete”.

O arduo traballo desenvolvido, e traducido en palabras escritas, comeza “cunha fundación nobiliaria para ofrecer unha vida relixiosa ás fillas da nobreza local, e acabamos coa promoción inmobiliaria que protagonizaron as propias monxas ao irse a Trasmañó. Pasamos da percepción de beneficios eclesiásticos, foros e censos, á fabricación de xerseis de lá e doces, ademais da creación dun colexio de nenos e nenas. E todo iso transitando polas guerras exteriores da Monarquía Hispánica con ameazas piratas incluídas, a invasión napoleónica, tres revolucións liberais e catro guerras civís, así como dúas repúblicas, dúas ditaduras militares e dúas restauracións monárquicas”.

A continuación o autor fixo un breve repaso por cada un dos oito capítulos do libro, desvelando os contidos de cada un deles.

E antes de rematar a súa intervención co apartado de agradecementos, clarexou que o libro vai destinado a “dous tipos de público. En primeiro lugar aos investigadores, para que lles sexa de utilidade nas súas pescudas en busca de datos sobre todo tipo de asuntos, épocas, lugares e persoas. (Neste sentido trátase dun libro de consulta). E en segundo lugar aos lectores que buscan afondar na historia da Guarda e a súa bisbarra, así como ampliar os seus coñecementos sobre a orde beneditina”.

Pechou o acto de presentación de “El Convento de las Benedictinas de A Guarda 1558-1984” a cantautora María José Baz que puxo voz e melodía a un poema de Aida Lomba ó que incorporou uns versos da abadesa, Isabel Vicente.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Os afectados das preferentes no Pleno da Guarda

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com