29/10/12

     

    

O Trega na Historiografía galega

 

Santa Trega na Historiografía Galega foi o tema da primeira barferencia organizada co gallo do Centenario da Sociedade Por Monte

 

            O venres, 26 de outubro, celebrouse a primeira das Barferencias co gallo do Centenario da Sociedade Pro-Monte, organizadas polo Padroado Municipal Monte Santa Trega e o concello da Guarda e propostas pola Comisión do Centenario que coordina o concelleiro de Patrimonio Javier Crespo.

            A cafetería Art Café foi o primeiro local que acolleu esta nova modalidade de conferencias, co obxectivo de levar a cultura á rúa, achegándolla ao pobo, sendo o ponente Xurxo Ayán Vila, presentado polo tamén arqueólogo, Lronardo González, que falou de "O Trega na evolución da Arqueoloxía Galega".

Leonardo González presentou a Xurxo Ayán, arqueólogo do Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento, especialista na Idade do Ferro, nomeadamente na arqueoloxía da arquitectura ou arqueotectura, autor da tese “Casa, familia e Comunidade na Idade do Ferro no Noroeste”, director de diferentes excavacións, coma o do castro do Neixón. Tamén traballou en etnoarqueoloxía en África, sendo por outra banda un arqueólogo-divulgador para o que a ciencia ten que achegarse ao público, de aí que teña publicacións nas que recolle, por exemplo, a súa viaxe a Etiopía e colabore con distintos medios para divulgar o seu labor.

            Xurxo Ayán comezou explicando que ía falar do que significaba Santa Trega na historia da arqueoloxía galega, mencionando a Ignacio Calvo, Cayetano de Mergelina, Domínguez Fontela, Sebastián González Paz, entre outros, pero tamén clarexando a relación que existe entre ciencia e política, de modo que aquela está condicionada por esta.

            Dixo que Santa Trega é un icono de Galicia e non hai galego que vendo unha imaxe dos castros non a relacione con este enclave da Guarda, sendo un recurso que aparece –e apareceu- nos libros de texto cando se falaba dos celtas. E mentres a España Ibérica tiña a súa representación na Dama de Elche, os pobos do Noroeste, viñan representandos por Santa Trega.

            Conceptos como cultura celta, co seu debate recente; cultura castrexa, poboado galaico-romano, serviron para referirse aos pobos do NO, aínda que o conferenciante prefire o termo de Comunidades da Idade do Ferro para referirise a este momento da Historia.

            Destas comunidades, pero sen base arqueolóxica, ocupáronse intelectuais coma Vicetto e Murguía, no século XIX, cunha idea primitivista destes pobos fronte ao mundo ibérico. En contraste, estaba alén Miño, cunha investigación máis avanzada sobre este periodo, destacando o xacemento de Briteiros (Guimaraes) e cuxos historiadores foron quen de convertir a Portugal no centro de arqueoloxía europea do momento, sendo tamén os portugueses, como Leite Vasconcelhos, os que primeiro fixaron a súa atención no Trega.

            A Guarda, lembrou noutro momento Xurxo Ayán, xa estaba presente nos anos do despeque do turismo, na difusión deste tempo de lecer, precisamente grazas ás ruinas de Santa Trega, fotografadas por unha reporteira estadounidense; e nun film de Castro Belo (1936), entre as imaxes aparecen planos-secuencia do conxunto arqueolóxico da Guarda.

            Destacou o papel da igrexa en Galicia, sendo os primeiros que falaron deste momento histórico os cregos: o P. Sarmiento e o P. Sobreira, entre outros. E mesmo as primeiras memorias que teñen que ver con Santa Trega teñen como autores a relixiosos, curas como Ignacio Calvo e Domínguez Fontela, que mantivo unha polémica con aquel e que considerou o Monte como a cidade de Abóbriga. Non se esquezou do papel xogado polos xesuítas da Pasaxe (Camposancos), sendo os primeiros en falar do Paleolítico en Galicia, dándolle incluso o nome da parroquia a útiles tallados en pedra, o coñecido “camposancuiense”,  atopados na contorna.

            Ignacio Calvo, que foi defensor de poboacións primitivas en Santa Trega, establece hipótese estrambóticas como dicir que o monte foi abandonado polos seu moradores por esgotarse os mananciais; mentres que Cayetano de Mergelina foi o primeiro en distinguir as distintas funcións das construccións de Santa Trega.

            Aportou referencias  que para os presentes, algúns deles estudosos da historiografía local, eran descoñecidas, como poden ser as excavacións no monte Torroso e as citas sobre o castro de Cividáns feitas por Sebastián González Paz, quen tamén recopilou lendas recollidas entre os veciños, segundo se recollen nos apuntes localizados por Xurxo Ayán mentres investigaba no Arquivo Povincial.

 

Outra forma de ver a reportaxe: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Fosa Común de Sestás: homenaxe aos asasinados

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2011

 

 

Reportaxes dos lectores

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com