20/05/2013

     

    

Concerto Solidario

 

Celebrado o concerto solidario promovido pola Agrupación Musical da Guarda

 

            A Agrupación Musical da Guarda celebrou, o sábado, 18 de maio, un Concerto Solidario para recadar alimentos que se entregaron a asociación San Vicente de Paul que os distribuirá entre as familias máis necesitadas da localidade.

            Presentado polo párroco da Guarda, Jesús García Villadóniga, a súa intervención comezou cunha lenda oriental que fala da solidariedade, en consonancia co acto programado polos músicos.

            Dixo, Villadóniga, que cada luns acuden á parroquia 71 familias, ás que se lles entregan alimentos, para engadir que a asociación San Vicente de Paúl coloca carriños nos supermercados para recoller alimentos cos que axudar aos que máis o necesitan, nun labor calado e desinteresado. “Cada historia humana, é unha historia sagrada”, advertiu o párroco quen tamén se referiu a que desde o colectivo mencionado “danse palabras de ánimo. Unha actitude, un xesto, que son alento e empuxe para o necesitado”. E animou a colaborar na medida das posibilidade de cada quen neste labor solidario.

            O público, pero tamén os músicos, participaron entregando bolsas con alimentos non perecedoiros que se recolleron pouco antes e durante o concerto.

            A Banda Infantil da Agrupación Musical da Guarda, biaxo a dirección de José Antonio Soutelo Muñoz, e a Agrupación Musical da Guarda, dirixida por Víctor Alonso Treinta, foron coprotagonistas dun concerto con pezas clásicas, pasodobres, modernas, con aires galegos, ovacionadas polo público que ocupaba as bancadas do auditorio de San Bieito nunha tarde que, a medida que avanzaba, facíase máis fría, malia estar xa a mediados de maio, aínda que facendo válido o refrán de que “ata o corenta de maio non che quites o saio”.

            Menos público do que é capaz de recibir o auditorio de San Bieito, se congregou nesta ocasión, ben é certo que tanto na Guarda coma no Rosal había outras referencias culturais que tamén reclamaron a súa parte de cuota presencial.

 

Outra forma de ver as reportaxes: premer na foto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Reportaxe anterior

 

Convenio "Campus Internacional de Deportes de Tui"

 

Outras reportaxes

 

Índice reportaxes 2012

 

 

 

Se desexa incluír unha reportaxe comercial en galiciasuroeste infórmese sen compromiso enviando un correo a:

galiciasuroeste(arroba)gmail (punto)com