Desfile do Traxe Galego
11/05/2008
seguinte
Máis de seiscentas persoas acoden
ao auditorio de San Bieito para presenciar o Desfile do Traxe Galego
O primeiro desfile do Traxe Galego,
organizado pola Asociación para a Recuperación do Traxe Galego, da
Garda, resultou un éxito, tanto pola participación de persoas de todas
as idades que se deron cita neste desfile ataviados con distintos traxes
de zonas diversas de Galicia, como pola presenza de público nas
beirarrúas polas que pasou o desfile, e na Praza de San Bieito, onde se
reuniron preto de seiscentas persoas, para ver o remate do desfile e
disfrutar do concerto que ofreceu a banda de música Agrupación Musical
do Rosal.
A organización sorteou, entre os que
desfilaron, tres pezas de cerámica de Sargadelos, e, entre os que
adquiriron mediante un donativo, rifas, sorteará un xogo de pendentes e
un broche, feitos artesanalmente en prata dourado e azabache, cuxo
número agraciado será o que coincida coas catro últimas cifras do sorteo
da Once de onte, luns.
Carmen González Álvarez, presidenta
da Asociación para a Recuperación do Traxe Galego, sinalou na súa
intervención na Praza de San Beito, que un dos obxectivos deste
colectivo é sacar á luz aqueles traxes que hai nas casas e que forman
parte do noso patrimonio cultural, polo que “deben ser recoñecidos como
se merecen. Traxes que tanto traballo custou para crealos, e cunha
historia persoal en cada un deles, historia que pasa de xeración en
xeración nalgúns casos”.
Julia Sobrino, vicepresidenta da
asociación, encargouse de coordinar e dirixir o pase final na Praza de
San Benito, destacando algunhas características dos traxes que
desfilaron nesta primeira convocatoria, e agradecendo a presenza tanto
de quen desfilaron, como do público presente na praza.
No I Desfile do Traxe
Galego, organizado pola Asociación par a Recuperación do Traxe Galego,
desfilaron o Grupo A boalleira, da Gándara; o Grupo O Torreiro, de
Priegue; as Pandereteiras Ir e Vir, do Rosal, o Grupo de Gaitas da
Terceira Idade, da Guarda; as Pandereteiras Lirolai, do Rosal, o Grupo
Os Petóns, os grupos de A Sangriña, da Guarda; Quinricosta, de Goián,
Xamaraina, da Guarda, Anduriñas, do C.I.P. Solanas, o Grupo Churumbela,
da Guarda, e, pechando os desfile, o grupo Do Lusco ó Fusco, da Guarda.
Entre os distintos grupos
fóronse intercalando os participantes individuais e os grupos familiares
ou de amigos, que quixeron inaugurar este desfile que está chamado a ter
continuidade nos vindeiros anos.
















seguinte