Visita institucional do
presidente da Xunta á Guarda
seguinte

O presidente da Xunta de
Galicia, Emilio Pérez Touriño, estivo onte (28/03/2008)
na Guarda no que foi a primeira visita institucional desde que Xosé
Manuel Domínguez Freitas asumiu a Alcaldía.
Nunha xornada con intervalos
chuviosos, aproximadamente á unha da tarde o presidente era recibido, ás
portas da Casa Consistorial, polo alcalde e corporativos, aos que Pérez
Touriño foi saudando persoalmente.
No despacho do alcalde, o presidente
asinou no Libro de Ouro do concello e, acto seguido, o rexidor local
impuxo a Insignia de Ouro do concello ao titular da Xunta quen agradeceu
tal distinción estreitando a man de Domínguez Freitas, e a continuación,
coa presencia do arquitecto autor do proxecto, Emilio Pérez Touriño
coñeceu pormenorizadamente a idea que ten o grupo de goberno socialista
para a Casa dos Alonso, como futura ubicación do concello da Guarda
dadas as limitacións que na actualidade ten a Casa Consistorial.
No Centro Cultural

Emilio Pérez Touriño e
José Manuel Domínguez Freitas dirixíronse desde o concello ao Centro
Cultural, un percorrido que, polas condicións meteorolóxicas, non foi
posible facer a pé como estaba previsto. Mador Arte, un establecemento
que traballa a artesanía galega (rúa Brasilino Álvarez), ambientou a
entrada e as salas do Centro Cultural.
No Salón de Actos xa se
acomodaran a meirande parte dos representantes dos colectivos guardeses:
culturais, deportivos, medioambientais, sociais, económicos e musicais,
ademais doutras persoas que quixeron recibir ao presidente da Xunta.
A entrada de Pérez
Touriño no Salón de Actos foi recibida con aplausos e saúdos ao
presidente quen, no seu percorrido ata o estrado, foi estreitando as
mans tendidas dos presentes.
Formaron todos os
corporativos á esquerda dos oradores no escenario, intervindo, en
primeiro lugar, Domínguez Freitas cun discurso que procuraba resposta ás
necesidades locais.
Fronte a unha xeografía
envidiable, dixo o alcalde, A
Guarda ten “algún factor en contra que
vén dado polo seu carácter periférico: a esta terra hai que vir, non é
sitio de paso entre outras terras. Somos, penso que a comparación é
aceitada, un segundo fisterre”, situación, engadiría Domínguez Freitas,
que fai preciso contar con boas comunicacións precisando “que o corredor
Tui-A Guarda sexa, canto antes, unha realidade”, e a circunvalación
libere o interior da localidade dun tráfico rodado que non dá soportado.
É necesario desenvolver
o Parque Empresarial A Guarda-O Rosal, xa aprobado e para o que se están
adquirindo os terreos. Nas súas peticións incluíu a Casa dos Alonso,
como unha alternativa ao Casa Consistorial onde xa “non collen os
servizos que un concello moderno ten que prestar”, e precisa un centro
sen as limitacións que ten o Centro Cultural incapaz de acoller, por
exemplo, á Banda de Música, polo que se van pór “a disposición da
Consellaría de Política Territorial” os terreos necesarios xurdidos coa
urbanización do castelo de Santa Cruz para a construcción dun multiusos.
A urbanización da PO-353
A Guarda-O Castro e mesmo a estrada de Circunvalación ao Trega, que dea
seguridade ao tráfico e aos peóns; renovación da rede de abastecemento e
de sumidoiros, que quedou absoleta provocando cortes, fugas e ata
afundimentos do firme; rematar coa débeda histórica do porto da Guarda
incapaz de acoller ás embarcacións por mor dos temporais do suroeste,
polo que se precisa a construcción dun dique que dea protección a flota,
pero do que ademais “se podería beneficiar o sector turístico, do que
tamén vivimos en gran medida: esta é unha zona de moito tráfico marítimo
de recreo que moi ben podería facer escala aquí, porque atractivos non
nos faltan se se construíse o historicamente demandado dique sur”.
Monte Santa Trega, onde non se
escava desde hai vinte anos e que “precisa contar co Plan Director que
Patrimonio se comprometeu a redactar, para que sexa o instrumento que
estableza as liñas de actuación” e remate das obras pendentes no Castelo
de Santa Cruz, foron outras reivindicacións no discurso do alcalde.
Resposta do presidente
Emilio Pérez Touriño respondeu co compromiso persoal ás peticións do
alcalde. Comezou por referirse á Vía de Alta Capacidade, cun
investimento superior aos 120 millóns de euros, que debe servir para que
esta vila, xunto co Rosal, quede comunicada con Tui e coa A-55,
poñéndose xa en marcha as expropiacións nos dous primeiros tramos (Tui-Tomiño
e Goián-A Guarda) o que permitirá que este mesmo ano se poñan xa en
marcha as obras da VAC que se deseña con características de autovía para
cando as necesidades de tráfico o demanden. Engadiu Pérez Touriño que o
tramo central e a variante da Guarda vanse someter este mesmo ano a
información pública, aprobándose o estudo informativo e a declaración
pública.
No vial A Guarda-Baiona,
a Xunta vai investir máis de once millóns de euros para crear unha senda
peonil e unha senda ciclista, que permita unha utilización de ocio, ao
tempo que dea seguridade.
Está en plena execución,
continuou o presidente o seu discurso, o proxecto do Parque Empresarial
O Rosal-A Guarda, que xunto coa Vía de Alta Capacidade marcarán un antes
e un despois para este pobo, e formará parte dese tecido de solo
empresarial, con máis de dez millóns de metros cadrados, na área
metropolitana de Vigo.
E materia
medioambiental, o presidente comprometeuse a facer chegar á Consellaría
de Medio Ambiente as necesidades prantexadas por Domínguez Freitas en
materia de redes de abastecemento e sumidoiros
Dixo Emilio Pérez
Touriño que tomaba nota dos dous edificios de referencia da Guarda: a
Casa dos Alonso e o Edificio Multiusos. Con respecto ao primeiro,
precisou que é necesario coñecer todo o proxecto esperando a súa entrega
para que a Consellería de Presidencia o poida estudar, pero adiantou que
son actuacións “que imos asumir e imos tratalas para que A Guarda poida
contar cun novo concello”, e do Edificio Multiusos, precisa ser definido
con precisión, pero tamén adiantou Pérez Touriño que “o alcalde ten o
compromiso do presidente da Xunta de Galicia para estudar ese proxecto
en canto nos chegue con vocación de facer posible que A Guarda poida ter
ese novo equipamento cultural”.
En materia de Saúde,
dixo Pérez Touriño que a Consellaría de Sanidade esta estudando a
renovación do Centro de Saúde, e adiantou que vai contar con novas
especialidades, concretamente, Radioloxía.
As dificultades que
presenta a banda ancha na Guarda, en materia de novas tecnoloxías, pasan
por colaborar con Retegal, que é unha empresa pública, que está a pór
en marcha un plan de lanzamento e oferta de extensión de banda ancha e
de posibilidades tecnolóxicas, como wifi.
E concluíu falando do
porto da Guarda asegurando que transmitirá á conselleira de Política
Territorial a demanda histórica da Guarda respecto da contrucción do
dique suroeste, con obxecto de incluír este porto no Plan Estratéxico de
Portos, que está en curso de realización, e será aí onde se estudará a
demanda que plantexa o alcalde Domínguez Freitas.
O acto no Centro
cultural finalizou entregando o alcalde unha reproducción da gamela da
Guarda ao presidente de Xunta, que tamén recibiu un cadro da pintora
Alicia Alonso, a quen despois saudaría Pérez Touriño, explicando a
pintora a mensaxe que quixo transmitir coa súa obra.
Pola súa banda o
presidente da Xunta entregou ao alcalde da Guarda unha peza de prata,
labrada por un artesán de Santiago.
Os asistentes
participaron na Sala de Exposicións dun Viño de Honra servido por “La
Pizzicata”, cunha rica variedade de produtos eloxiados polos asistentes.













seguinte