g@lici@suroeste

índice           www.galiciasuroeste.info

800X600 pixeles (recomendado)

horizontal rule

 

Mitin do PSdeG-PSOE

03/05/2007

anterior     seguinte

Resumo da intervención de Emilio Pérz Touriño na Guarda durante o mitin do candidato socialista á Alcaldía, Xosé Manuel Domínguez Freitas

           Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia, apoiou, na Guarda, ao candidato socialista á alcaldía Xosé Manuel Domínguez Freitas, no mitin celebrado no pavilllón do IES A Sangriña, no que tamén estaban a delegada da Consellaría de Política Territorial, María Isabel Domínguez Quintás; delegado da Consellería de Traballo, Pedro Borrajo Rivas; deputados do Parlamento de Galicia, Modesto Pose e Abel Gaspar, e candidatos ás alcaldías de Oia, O Rosal e Tomiño polo PSdeG-PSOE.

            Touriño, que lle predeciu a Freitas que “serás o próximo alcalde da Guarda, porque vas a gañar as eleccións co apoio maioritario dos cidadáns da Guarda”, deulle as grazas ao cabeza de lista “polo teu talante, polas túas formas de facer política,  pola túa entrega, e por dar un exemplo fantástico de facer oposición e demostrar que na oposición pódese ser tan útil como no goberno do pobo.

Discurso de carácter social

O presidente da Xunta lembrou o compromiso asumido ao principio da lexislatura de que esta sería a lexislatura da igualdade e do emprego, para engadir que en a penas 21 meses de goberno, xa se publicou no DOG, unha lei pioneira: a Lei do traballo en igualdade, que superará a discriminación que en salario, en oportunidades de traballo e en precariedade aínda sofren as mulleres en Galicia e de España.

Referiuse o recén aprobado (2 de maio), polo Consello da Xunta anteproxecto da Lei de prevención integral e de loita contra a violencia de xénero sobre as mulleres, que permitirá dar educación e formación e previr os malos tratos. A Lei dará asistencia psicolóxica gratuíta ás mulleres que padecen violencia; asistencia xudicial as 24 horas, sistemas de alarma e de prevención contra os maltratadores, e facilitará compensación económica mediante un fondo de garantías, así como a inserción laboral e a adquisición de vivenda.

Outra das leis ás que se referiu Emilio Pérez touriño foi á de dependencia, que calificou como cuarto piar do sistema de benestar, que considerou unha débeda coas persoas maiores. “Os maiores son aqueles que nos permitiron chegar ata aquí”, dixo, para engadir que tivo que chegar a España un goberno socialista para poñer en marcha esta lei que significará que, de agora en adiante, a atención aos maiores non a terán que soportar nin exclusivamente nin maioritariamente as súas propias familias “e por dicir a verdade, sobre todo as mulleres e as avoas”. Agora cando unha persoa teña unha dependencia psíquica ou física, ou sexa maior cunha dependencia importante, terá o dereito e o soporte para poder acceder á rede pública e universal de servizos sociais. E adiantou que este mesmo ano de 2007 as 16.000 primeiras persoas que teñan a situación de gran dependencia en Galicia, percibirán xa os efectos e a prestación derivada da aplicación da lei

Da educación dixo que é o medio capaz de dar as mesmas oportunidades a todos. Asegurou que, cando aínda non se levan dous anos de lexislatura,  o próximo curso todas as familias de Galicia, en todos os niveles do ensino, agás o universitario, terán os libros gratis, e 145.000 familias non terá que pagar por acceder aos libros, e 1.800 rapaces de familias menos pudientes, que nunca imaxinaron, porque non tiñan recursos, que os seus fillos poidesen ir e Inglaterra ou a Francia durante o verán para aprender un idioma, agora si poden facelo.

Emprego

Asegurou Pérez Touriño que en Galicia estamos creando emprego, e por primeira vez en moitos anos, Galicia está crecendo máis co que crece España, que á súa vez está crecendo máis que a U.E, que Xapón ou que EE.UU.

2006, dixo, finalizou creando 34.000 postos de traballo, e os datos de 2007, apuntan nesta liña. Estanse a impoñer  medidas para crear emprego e reducir o paro, e se antes se necesitaban dous dixitos para referirse a el, agora estamos no 8 por cento “e rematará esta lexislatura e Galicia terá o soño, por primeira vez na súa historia, de poder acadar o pleno emprego, para todos e para todas”. 

Asuntos locais

Prometeu o apoio da xunta ao proxecto de Obradoiro e de Formación  de Emprego anunciado por Freitas se chega á Alcaldía.

Recoñeceu que a situación xeográfica da Guarda, é sinónimo de distaciamento, polo que  anunciou “que este mesmo ano sacaremos a licitación as obras do corredor de alta capacidade Tui-A Guarda (...) homoxénea, igual en trazado; un corredor de alta capacidade que terá características, desde o primeiro metro de construcción ata o final para poder ser desdobrado e convertido en autovía en canto o tráfico o demande. Un corredor que garantirá a accesibilidade, mobilidade, rapidez no tráfico”.

Licitaranse as obras no tramo inicial, en Tui, e no final desde A Guarda; e no medio en Tomiño, porase en marcha un estudo informativo para garantir que o corredor de alta capacidade non afecte nin a unha muralla nin cause un auténtico destrozo ambiental. Foi neste punto cando Touriño foi increpado por algunha persoa afectada pola ubicación de parque empresarial A Guarda- O Rosal e tras pedir o presidente respecto por quen estaba no uso de palabra, comprometeuse a escoitalos ao rematar o acto.

O corredor, dixo o presidente da Xunta, fará posible que A Guarda, e os demais concellos, por primeira vez na súa historia, teñan unha comunicación segura, rápida e á altura do século XXI. A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, garantizou, estarán unidas de forma segura e con respecto ao medio ambiente e con respecto a todos os concellos polos que pasará.

Sobre este mesmo asunto, dixo que “acabamos de licitar e poñer en marcha  a asistencia técnica, o contrato, para facer o estudo informativo da Circunvalación da Guarda, porque non queremos que este corredor de alta capacidade remate na estrada e que introduza na Guarda todo o tráfico pasándolle polo medio, producindo conxestión e dificultades a esta vila”. A circunvalación fará posible a conexión directa, vindo de Tui en dirección a Oia, ou viceversa: 3 km de circunvalación.

         É aínda que sen relación directa coa Guarda, avanzou Touriño que a conselleira de Política Territorial e a delegada presentaron xa o proxecto que humanizará a estrada Vigo-Baiona, dará seguridade aos peóns, e poderán circular en bicicleta. Esta alusión tiña que ver con que este proxecto non se vai deter en Baiona, e se prolongará de Baiona á Guarda. “Son actuacións que vos garantizo que cambiará de raíz a posición da Guarda e a posición de todos os concellos intermedios que quedarán interconectados, de forma rápida e segura, e con respecto ao medio ambiente”.

O compromiso co medio ambiente, na Guarda e en toda Galicia, pasa, continuou dicindo, polo saneamento e a depuración de augas. A Xunta de Galicia está a poñer en marcha o maior programa da súa historia en depuradoras de saneamento de rías, que está todas elas por depurar e por sanear completamente. “O goberno que presido vén de poñer en marcha un programa que antes do remate de 2007 vai adxudicar 22 depuradoras en todas as rías de Galicia”.

Outros asuntos que avanzou o presidente da Xunta foron a construcción de novos depósitos de abastecemento na Guarda e en Camposancos; que garantirán o subministro para o futuro. Tamén se referiu ao río Miño do que dixo que, na última reunión da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, celebrada en Guimaraes, e que presidiu, entre os acordos máis importantes que se adoptaron figura a aposta conxunta, entre España e Galicia, para dar un tratamento compartido as concas hidrográficas, ao saneamento de augas, e ao cuidado e preservación do litoral completo do río Miño, para facer deste río un exemplo de protección, cuidado e preservación, con fondos europeos e con decisión compartida do goberno de Portugal e do goberno da Xunta de Galicia.

Para a creación de emprego considerou decisivo apostar polo chan industrial, e pola creación de parques empresariais, e por iso entre a Guarda e O Rosal “temos comprometido, e posto en marcha, o proceso para realizar 300.000 metros cadrados de parque empresarial cun investimento superior aos oito millóns de euros.

Referiuse á Guarda como un pobo pesqueiro é de tradición mariñeira. O presidente da Autoridade Portuaria e Portos de Galicia, que dependen da Consellaría de Política Territorial da Xunta de Galicia, teñen en marcha e en proxecto importantes inversións; como as que executarán en  Camposancos onde están en disposición, co proxecto xa en marcha,  para crear 80 novos amarres demandados e que se necesitan neste pobo mariñeiro.

Destacou a calidade dos produtos de Galicia que posibilitaron o recoñecemento da Denominación de Orixe de Mexilón. É a primeira vez que en toda a UEm dixo, se recoñece unha Denominación de Orixe Mexilón Galego. E a Xunta de Galicia, desde a Consellaría de Pesca traballa para a creación dunha marca de calidade, marca de Galicia Calidade para os produtos da pesca artesanal, do marisqueo, para que oa identifique e faga competitivos, gañando valor e prezo no mercado. Es en abandoar o secotr pesqueiro dixo que “acabamos de poñer en marcha un seguro, que tampouco existiu nunca. Un seguro que fará que por mal tempo, cando os nosos mariñeiros e a xente do mar non poida saír a faenar, teñan garantido o cobro do 70 por cento do seu salario”.

anterior     seguinte