
O venres,
4 de maio, o pavillón polideportivo do IES A Sangriña acolleu o mitin do
PSdeG-PSOE no que interviron como oradores o candidato á Alcaldía da Guarda,
Xosé M. Domínguez Freitas, e o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez
Touriño, presentados pola número 2 da candidatura socialista, Montserrat
Magallanes Álvarez.
No
estrado, practicamente toda a candidatura, na sala, máis de catrocentas
persoas con panos
nos
que se lía a mensaxe “Freitas, alcalde”, e bandeiras socialistas. Nas
primeiras bancadas, entre outros, a delegada da Consellaría de Política
Territorial, María Isabel Domínguez Quintás; o delegado da Consellaría de
Traballo, Pedro Borrajo Rivas; deputados do Parlamento de Galicia, Modesto
Pose e Abel Gaspar, e candidatos ás alcaldías de Oia, O Rosal e Tomiño polo
PSdeG-PSOE.

Domínguez Freitas
subiu ao escenario entre os aplausos do público, e as súa primeiras palabras
foron de agradecemento aos presentes, comezando polo secretario xeral de
PSdeG-PSOE
e presidente da Xunta de Galicia, Pérez Touriño, que cumpría o compromiso de
estar na Guarda “apoiándome a min e a estas compañeiras e compañeiros que
imos sacar á Guarda da longa noite de pedra que xa dura sete anos”.
O 27 de
maio, dixo o portavoz dos socialistas da Guarda, “vaise facer realidade
aquel cuádruple soño porque ao goberno de Madrid e ao goberno que ti
presides, se lle van sumar a Alcaldía da Guarda e a Entidade Local Menor de
Camposancos”.

Recordou
a aqueles compañeiros que desde hai 24 anos “coa mesma ilusión que hoxe
temos nós, presentábanse diante do electorado guardés por primeira vez”:
José Luis, Pedro, Feliciano, Uris, e Julia, Miguel, Paulino que “vimos
traballando ao longo destes vintecatro anos para que o soño de todos vós e o
soño doutras moitas persoas que hoxe non poden estar aquí, se faga realidade
o día 27”.
Falou da
realidade dese soño no ano 1999 “cando tivemos durante un ano a Alcaldía da
Guarda truncado por alguén
que presume que fai as cousas con sentido común, un sentido común que o
levou desde o Partido Comunista a Izquierda Unida, a Iniciativa Veciñal, ao
Partido Galeguista e hoxe a Terra Galega”, e desexou que a Guarda “se vexa
libre da terra galega que algúns nos queren traer: da terra de Fariñas”.

“Despois
da moción de censura onde dous mandaban máis que sete, sendo Partido Popular
consentidor desta situación, non poden vir agora dicindo que van cambiar as
cousas cando non o fixeron, e durante sete anos entregáronse nas mans dunha
persoa que non mereceu nunca ostentar o poder neste pobo”, polo que “hai
persoas que non son merecedoras dunha nova confianza, porque defraudaron
aquela que os cidadáns depositaron neles”.
Continuou con referencias aos pactos, o do 2003, co que deu de si, e o do
novo pacto que repetiu “falcatruadas, firma falsa, facturas falsas, perda de
subvencións do ano 2005, a fuxida de dous concelleiros”, e criticou ao
candidato do PP que dicía sentirse orgullo do feito nestes sete anos polo
goberno local, “pois se sente orgullo do que acabo de citar, ese orgullo non
lle serve ao pobo da Guarda”.
Pediu non
só non perder nin un só voto dos 2.435 conseguidos nas eleccións de 2007,
porque “non nos chegan; queremos contar con moitos máis. Queremos ter unha
maioría suficiente para ter un goberno forte, un goberno compacto que poida
sacar á Guarda do marasmo, do atraso na que a meteron nos últimos sete
anos”.