Rafael Louzán
visita institucional ao Rosal
seguinte
Rafael Louzán visitou o concello e
o Auditorio Municipal con nova imaxe interior e exterior tralas obras
realizadas
O
presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, visitou o martes, 8
de marzo, o concello do Rosal onde foi recibido, entre outros, por
corporativos e o alcalde da localidade, Jesús Fernández Portela.
Rafael Louzán, a quen acompañaba o Vicepresidente,
José Manuel Figueroa, e Técnicos da Institución Provincial, percorreu as
novas instalacións da Casa Consistorial, cuxas obras tiveron un
investimento final de 1.300.000 euros, e saudou aos funcionarios que
atenden as distintas dependencias.
A Casa Consistorial duplicou a superficie útil que é
agora de 900 metros cadrados en cada unha das dúas plantas. No baixo
sitúanse o Xulgado, a Sala de Plenos, a biblioteca, que tamén duplicou a
súa superficie, e a Policía Local. Na primeira planta atópanse os
servizos de Intervención, Secretaría, Alcaldía e salas para os
diferentes grupos municipais. Ademais elimáronse as barreiras
arquitectónicas e habilitouse un ascensor para o acceso á primeira
planta. A nova Casa Consistorial, que coñeceu unha total renovación
interior, gañou en luminosidade, segundo fixeron constar os funcionarios
ao presidente da Deputación.
Auditorio Municipal
Posteriormente, o presidente provincial dirixiuse ao
Auditorio Municipal, onde practicamente finalizaron as obras que
supuxeron aumentar o aforo ata as 390 butacas, ampliar as dependencias e
dotar de salas e camerinos este espazo, que acollerá a Escola de Música
para o que se insonorizaron as distintas dependencias, especialmente a
destinada á clase de percusión.
O amplo escenario que preside agora o salón de actos
posibilitará, non só unha maior comodidade para a Agrupación Musical do
Rosal, senón un recinto capaz de ofrecer un excepcional escenario para
cantas representacións se leven a cabo no Auditorio, pois foi dotado
dunha estrutura móbil, destinada ás representacións teatrais, e unha
pantalla, ambos elementos descenden do teito cando é accionada unha
palanca. Pero ademais, para facilitar a retirada de obxectos voluminosos
ou pesados, un ascensor accede directamente ata o escenario,
posibilitando, por exemplo, que un piano se poida retirar do estrado sen
maior problema.
Para ampliar o aforamento, construíuse un anfiteatro
que requiriu de solucións técnicas que non impedisen a visión do
escenario a quen se sitúen neste lugar.
Tras o percorrido polas instalacións, Rafael Louzán
valorou positivamente as obras realizadas e manifestou levar unha
sensación moi positiva e grata do traballo realizado, destacando tamén
as xestións do alcalde para mellorar a localidade.
O alcalde, Jesús Mª Fernández Portela, sinalou que en
breve procederase a inaugurar o Auditorio Municipal, barallándose os
primeiros días de maio, realizándose unha xornada de portas abertas para
que todos os veciños coñezan as novas instalacións culturais coas que
conta o municipio e que serán, sen dúbida, referencia na comarca.
Outras actuacións
Entre as próximas actuacións que a deputación
acometerá no Rosal figuran unha cafetería e oficinas, no Campo de Fútbol
da Mata; acondicionamento de aire no pavillón, instalación que se
complementará cun ximnasio; e beirarrúas no tramo da estrada que pasa
por Couselo.




















seguinte