g@lici@suroeste

índice                                    www.galiciasuroeste.info

800X600 pixeles (recomendado)

horizontal rule

Mostra de Cultivos do Baixo Miño

Goián (Tomiño)

 

O conselleiro de Medio Tural destacou o compromiso dos produtores do Baixo Miño co desenvolvemento económico da comarca

Máis dunha trintena de empresas relacionadas co sector do agro e a hortofloricultura, déronse cita esta fin de semana no Pavillón de Deportes de Goián, na V Mostra de Cultivos do Baixo Miño, organizada por Productores do Baixo Miño e o Concello de Tomiño, a través da Concellería de Promoción Económica e Xuventude, coa colaboración da Consellería de Medio Rural.

A mostra, na que participaron os máis importantes produtores da comarca de plantas ornamentais de viveiro, flor cortada, kiwi e outros productos do campo, así como das súas industrias auxiliares, foi inaugurada polo conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, acompañado polo delegado provincial, Gonzalo Constenla, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da mostra, Juan Peixoto Moure.

Ao acto asistiron tamén, outros membros do goberno municipal, concelleiros da oposición, e alcaldes e representantes dos concellos da comarca, así como mandatarios portugueses e público en xeral.

O titular da Consellería de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, salientou o compromiso do sector da hortofloricultura do Baixo Miño de sacar o máximo rendemento dos seus recursos. Neste sentido, lembrou o apoio da Administración a través do Banco de Terras de Galicia (BANTEGAL), que permitirá recuperar terreos para uso agrícola. Nesta mesma liña, referiuse aos contratos de explotación sustentable, destinados a fomentar o emprego no rural e aumentar a capacidade produtiva do campo. O mandatario adiantou, ademais, que se porá en marcha a creación dunha marca de calidade que identifique a horta galega, e faga posible darlle un valor engadido. Por último, o conselleiro, animou a todos os expositores a seguir traballando como ata agora, sinalando a importancia de incrementar a formación e a investigación co fin de incrementar aínda máis a calidade dos produtos que ofrecen.

A alcaldesa de Tomiño, pola súa parte, explicou que a mostra, xa consolidada, xurdiu dun grupo de produtores que de xeito dinamizador e innovador quixeron crear un escaparate dunha das actividades económicas máis puxantes da comarca. A rexedora referiuse tamén a intención do goberno de apoiar e fomentar aos produtores con fin de facer do campo un sector moderno e dinámico. Así mesmo, destacou o traballo das mulleres nos viveiros da zona, cualificando a exposición fotográfica organizada polo Departamento de Igualdade, como un recoñecemento a ese traballo e un pequeno intento por facer visible a contribución das mulleres no desenvolvemento económico do municipio.

O presidente da comisión organizadora, Juan Peixoto, pola súa banda, aportou datos sobre a evolución económica do sector na comarca, cuns 12 millóns de euros de produción anual, e exportación a moitos países europeos e do mundo, entre os que destacan Portugal, Francia, Inglaterra, Italia, Bélxica, Holanda, Alemaña e Suíza, entre outros.

Actividades

A V Mostra de Cultivos do Baixo Miño, reuniu unha vintena de viveiros con plantas ornamentais, catro empresas maioristas de flor cortada, outras tantas de productos de campo, seis empresas auxiliares e unha de bonsais.

Entre os atractivos da feira atopáronse as últimas novidades no mundo das plantas decorativas, tanto de interior coma de xardín, composicións innovadoras de flor cortada, produtos relacionados co campo (abonos, sistemas de rego, maquinaria, etc.); conservas, kiwis, etc.

Completaron a oferta da mostra, as xornadas técnicas que tiveron lugar na tarde do sábado, día 4, o concurso floral, as exposicóns de fotografía e bonsais montadas no auditorio, e un obradoiro infantil relacionado con plantas, que se impartiu o sábado e o domingo.

Dentro das actividades paralelas destacaron a mostra fotográfica A Forza da Terra. Mulleres nas plantacións do Baixo Miño, que amosaba a mulleres traballando nos viveiros do municipio, segundo a óptica de tres fotógrafos tomiñeses (Xesús Anxo Pazo Alonso, Manuel Rial Ferreira e Gustavo Rivas).

Outra novidade é que se construirá unha páxina web cos datos de tódolos viveiristas, que logo se colgará da web do Concello.

A mostra permaneceu aberta ata o domingo ás 21.00 horas, en horario ininterrompido de mañá e tarde.