g@lici@suroeste

índice                                    www.galiciasuroeste.info

800X600 pixeles (recomendado)

horizontal rule

"Cantos Rodados"

Xerock

Son só un equipo de dúas persoas: un director de cine, que se estrea como tal, Xoel Méndez, e un cámara, Cuco Pino, para rodar un documental que podería mesmo levar o título de “Cantos rodados”. Un cento de actores principais e secundarios, e un grupo que soa a integración, a normalización e a música: Xerock.

Un día a Radio Galega deu a noticia, algo así como que unha banda de mozos discapacitados publicaban o seu primeiro traballo discográfico. Eran da Guarda. Na Produtora Ficcion o tema zumbou como as abellas. E Xoel achegouse, un mes de xuño, ao centro San Xerome. E houbo “flechazo”, ou, coma se di agora “feeling”, ou sexa “química”.

Regresou en decembro de 2007. Compartiu xornadas enteiras cos usuarios do Centro. Gañou experiencias e soubo dos nomes de cada quen (os gregos xa sabían a importancia que tiña coñecer o nome das persoas), das ilusións, do traballo diario. No maxín e no caderno, Xoel foi debuxando escenarios, movementos, vos de bolboreta con alas de música, e xurdiu un proxecto que realizar.

            E Cuco Pino e Xoel Méndez non precisaron de tecnoloxías sofisticadas. Tampouco de camións con cableados. Nin eses equipos humanos omnipresentes. “Con este equipo mínimo temos suficiente marxe para ter unha boa imaxe e un son decente, porque o que se trata co documental é ter ben gravada a música, porque Xerock é un pouco o catalizador do Centro”.

Tiñan ilusión e as ideas claras e uns interiores e exteriores, para rodar, precisos. “Mellor escenario que o propio colexio e os talleres, fervedoiro diario de acontecementos, e cun equipo de trinta profesores e cen rapaces, que se o fas adrede de intentar movelos non o consigues, logramos a mellor coreografía”.

            E onte púxose o epílogo do documental en La Fábrica de Chocolate que acolleu o concerto de Xerock, coa colaboración de Luis Tósar e o grupo “The Ellas”.      

Queda o traballo posterior, aquel que visionarán os espectadores e sacarán lecturas e conclusións. Aínda que o documental non o procure  e Xoel non busque “transmitir ningunha mensaxe, porque o que intentamos é mediar, ser un vieiro para contar todo o que pasa aquí, que é moito”, sen dúbida reflectirán esa mensaxe na que están empeñados os profesionais do cole, “a mensaxe que uns chaman integración, outros normalización... pero que no fondo non é máis que tratar ´< xente como seres humanos, porque todos somos iguais”.

Soñan, quizais Xoel, e Cuco, e Carlos, e Ciano, e Álvaro, e Víctor, tamén Vanesa, Generoso, Borja, Carlos... nunha sala, nunha pantalla, nunha luz de xente inmaterial que son música, que son “Cantos rodados”, ese xogo de palabras que para Xoel ten diferentes interpretacións, “a pedra filosofal de tratar un problema que nos enfronta cos nosos prexuízos; rodados porque hai moitas cadeiras de rodas; rodados porque estamos rodando, e rodados porque o que estamos a facer vai rodado con xente tan participativa e tan boa xente coma esta”.

Fala, rematando xa Xoel, dos usuarios do Centro San Xerome con emoción destas “Existencias erosionadas pola vida (...)  pero que teñen, tamén, virtudes e un aquel que non saberei definir”.

Abril, 2008