Tui inicia o Ano Xosé María Álvarez Blázquez
Reportaxe: Beti Rey
Os actos do ano Xosé María
Álvarez Blázquez comezan cunha homenaxe extensiva a toda a familia
A Casa do Rollo, na rúa Maristas,
loce dende
o pasado mércores unha placa na que se pode ler “nesta casa
viviu Xosé María Álvarez Blázquez cos seus pais Darío Álvarez Limeses e
María Blázquez Ballester e os seus irmáns Darío, Celso, Alfonso, Emilio e
Álvaro. No ano 2008 dedicado á lembranza deste egrexio escritor,
investigador e editor, o
concello de Tui honra a súa memoria e a da súa
familia polo seu compromiso coa cultura de Galicia e coa causa da
liberdade”.
Deste xeito iniciáronse os actos
do Ano Xosé María Álvarez Blázquez en Tui dando cumprimento ao acordo
plenario do 27 de decembro de 2007.
Precisamente diante da Casa do
Rollo comezaba o programa de actividades, e previo ao descubrimento da placa
tomaba a palabra Xosé María Álvarez Cáccamo, fillo do escritor homenaxeado,
en nome de todos os fillos e descendentes de Darío Álvarez Limeses e María
Blázquez Ballester, felicitando ao Concello de Tui polo programa de actos
organizado, e tamén porque na placa apareza non só o nome do homenaxeado
senón tamén dos seus pais e irmáns, xa que se conmemora non só a súa figura,
senón tamén a súa familia.
Na Casa do Rollo dicía Xosé María
Álvarez Cáccamo vivíronse experiencias moi amargas pero tamén moitos anos de
ledicia.
E esta memoria da felicidade e da
fraternidade, dicía, é a que a familia quere preservar. Nesta casa dicía,
Xosé María Álvarez Blázquez comezou a soñarse a realizarse coma escritor,
etnógrafo, arqueólogo e comezou a ser poeta aos 12 e 13 anos. Por iso aquí pervive a memoria, os ecos e as luces de familia Álvarez Bázquez,
dicía, engadindo que “loitaron polas causas de Galicia e polas causas da
liberdade”.
E
referíase a un texto do seu tío
Emilio Álvarez Bláquez “Epílogo de familia” no que se recollen as vivencias
nesta casa”.
Tomaba logo a palabra o
Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, que dicía que estes actos queren
significar unha testemuña de homenaxe que Tui e Galicia lle brinda ao longo
deste ano. Explicaba tamén Moisés Rodríguez coma quixeron que
a placa lembrase
a toda a familia “pola aportación tan inxente que realizaron á cultura da
nosa terra”. Aludía tamén a que a elección do 23 de abril, Día do Libro, era
un data idónea para lembrar a este persoeiro escritor e editor.
A continuación descubría a placa
Branca Fernández Feixoo, cuñada de Xose María Álvarez Blazquez, e decana da
familia.
Posteriormente as autoridades, a
familia e o público en xeral dirixiuse camiñando até a Casa do Concello onde
tivo lugar o acto institucional.
No salón de plenos o primeiro que
tomaba a palabra era outro dos fillos do escritor, Alfonso Álvarez Cáccamo,
quen manifestaba, no nome da súa familia, o agradecemento “polo cariño, a
sensibilidade e compromiso para a celebración destes actos” . Deste xeito,
dicía, “volve á memoria do meu pai a enraizar na cidade que o viu nacer, e
sei que xa non haberá galernas que o arrinquen da terra da súa orixe”.
Lembraba coma todos os irmáns Álvarez Blázquez foron modelo de fraternidade
e amor, pero as “tráxicas circunstancias” truncaron a súa permanencia en
Tui. Eses feitos dicía “racharon o corazón do seu pai, da súa nai, o corazón
dos fillos, e o corazón da meirande parte dos habitantes de Tui foron
levándoas con valente resignación e cunha sobrehumana ilusión pola
vida...
permanecendo firmes nas ideas e nas arelas políticas que en grande
medida todos viron realizadas, xa que agás Celso, todos morreron despois do
20 de novembro de 1975”.
Alfonso Álvarez Cáccamo
manifestaba que chegou o tempo de “hibernar o pasado, non de enterralo” xa
que convén deixalo, dicía “nun estado letárxico entre o perdón e a alerta” e
concluía que aquí no presente é o noso deber que “velar a cotío por un
futuro en paz e liberdade”. E neste tempo de celebracións “coma en tantas
ocasións a cidade de Tui vai ser modelo de actividade cultural coma mesma
ilusión do Tui dos Xogos Florais” afirmaba Cáccamo, e concluía lembrando a
presenza de Tui na obra do seu pai
sinalando que “esta cidade xamais
desapareceu das súas lembranza e inquedanzas, e se non escribiu máis verbo
dela foi porque mantivo o seu corazón hibernado até a chegada á estación de
Guillarei do tren das liberdades”.
Logo dous nenos de Tui, Carolina
Alonso e Lois Pereira, recitaron unha pequena escolma do poemario “Roseira
do teu mencer” de Xosé María Álvarez Cáccamo.
Tomaba
de seguido a palabra Xosé Manuel
Barreiro, Presidente da Real Academia Galega, quen destacaba a estreita
relación que organismo que presidente mantén co Concello de Tui, dende a
celebración na cidade do centenario da Academia. Manifestaba a continuación
a súa satisfacción por ser un dos que propuxeron o nome de Álvarez Blázquez
para o Día das Letras Galegas deste ano, xa que acertaron ante a aceptación
que esta a ter.
O Presidente da Real Academia
sinalaba que “non esquecemos” e en referencia a represión da Guerra Civil
sinalaba que “puideron acabar coas persoas,..., pero non puideron nin coa
liberdade, nin coa democracia, nin coa galeguidade”. Nese senso sinalaba que
ao apoiar a Blázquez apoiábase non só a un “magnífico escritor e poeta”
senón tamén a “un gran loitador”.
Continuaba Barreiro dicindo que
sempre “defendín a Memoria Histórica” porque se busca xustiza e
rehabilitación social, “a rehabilitación social que as familias necesitan”,
porque engadía “o pobo que non sexa capaz de reconciliarse consigo mesmo, e
que os que cometeron aquelas barbaridades non eran de Marte eran galegos,
non seremos un pobo san” e concluía dicindo que “para isto serve a memoria
histórica.”
Logo o público presente na sala
tiña a oportunidade de escoitar un fragmento do discurso pronunciado por
Xosé María Álvarez Blázquez o 17 de maio de 1973 cando o Día das Letras
Galegas estaba dedicado ao bispo Manuel Lago González. No mesmo relataba
unha anécdota que con el lle pasara sendo neno no Claustro da Catedral de
Tui.

Pechou o acto o Alcalde de Tui
lembrando como o Concello de Tui se dirixida a Real Academia Galega apoiando
a candidatura de Álvarez Blázquez para o Día das Letras Galegas de 2008, e
coma un acordo plenario unánime acordou celebrar un programa de actividades
entorno a súa figura. E explicaba que dende agora a figura de Xosé María
Álvarez Blázquez permanece incorporada á lista de “tudenses ilustres”.
Remataba o Alcalde amosando o seu
agradecemento á familia Álvarez Blázquez pola inestimable colaboración na
organización destes actos, e na recuperación de textos e documentos sonoros
do seu pai. E tamén agradecía a Real Academia Galega que se dedique a este
tudense o Día das Letras Galegas deste ano. E concluía agradecendo a
presenza do público que dicía evidencia que a semente que Xosé María Álvarez
Blázquez estendeu polos múltiples campos nos que laborou está frutificando,
que seguindo o seu exemplo sigamos cantando e loubando a esta terra da alma”
E para pechar o acto Gala Paula
Bravo Paramos interpretaba o himno galego ao violín.

Abril, 2008