PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

LOCAL

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

AXENDA

NECROLÓXICAS

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

PÁXINAS

 REPORTAXES

CONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

FOTOS LECTORES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

Calendario

ENLACES

 
 
 

 

 

galiciasuroeste                                                       Joaquín Miguel Villa Álvarez

Un libro publicado pola Xunta recolle as casas indianas da Guarda e O Rosal estudadas por Joaquín Miguel Villa Álvarez

 

A Xunta de Galicia vén de publicar, en edición restrinxida, ‘Casas de Indianos. Pontevedra”, no que se recollen estas construccións que imitan, na gran maioría dos casos, a arquitectura dos países americanos que recibiron aos emigrantes galegos.

O guardés Joaquín Miguel Villa aportou a este interesante volumen os estudos realizados sobre as casas ‘dos americanos’ da Guarda e O Rosal.

 

A Joaquín Miguel Villa hai que recoñecerlle, entre outras moitas cousas, que fose quen nos descubrise aos guardeses un patrimonio que por ter tan cerca nos era descoñecido: as Casas Indianas, ¿como naceu en vostede ese interese pola arquitectura traída de América?

            Naceu cando eu preparaba a tese de doutoramento sobre a emigración galega a Puerto Rico e os retornados. Entre as moitas cousas que realizaron: asociacións, fundacións, amplia actividade política, investimentos dentro e fóra da comarca, construíron tamén as súas vivendas cunha arquitectura propia dos ricos daquela época, que eran as casas da burguesía.

 

Sabemos cando comeza a publicación –falamos do ano 2000-, pero afondar no coñecemento das casas indianas, cando comeza?

            Foi nese mesmo ano 2000, a raíz de que se tirou a casa de José Mª Sobrino Vicente, no centro do pobo, unha casa simbólica, co obxecto de facer un novo edificio. Eso sensibilizoume moito para decatarme da perda do patrimonio co derrube desas casas que debían ser conservadas. Esa perda motivoume a facer unha catalogación, estudar as súas características, quen eran os seus donos.

 

Ese interese de seu pola emigración ten que ver, supño, polo feito de proceder dunha familia que coñeceu a emigración repetidamente.

            Claro. A emigración é consubstancial coa miña familia. Por parte de meu pai a Castilla, ao Brasil… e por liña materna, ao Brasil, tamén, e a Puerto Rico. Era unha emigración bastante descoñecida na historiografía galega, cando A Guarda era a primeira localidade galega, e case peninsular, que aportaba emigrantes ao que quedaba do que fora o Imperio español, como era Puerto Rico.

 

Era tema de conversación familiar a emigración?

            Na miña familia, sempre. Eu nacín escoitando falar dos nosos emigrantes. ‘Que van vir os tíos de América’, escoitábase na casa cando ían vir os parentes, e a miña avoa preparaba as habitacións, poñía as camas curiosas, e o meu avó caleaba as paredes, porque esa chegada supoñía todo un acontecemento familiar, e moi desexado. E tiña tamén a súa parte triste cando tiñan que marchar: as bágoas inundaban os ollos dos avós, e unha fonda tristura invadía os días seguintes a casa.

            Recordo a marcha do meu pai a Alemaña e cando, indo a despedirnos del na estación de Guillarei, aqueles días volvíanse os máis tristes para min, que era un neno e vía chorar a miña nai. Eu sentíame desacougado, e impresionábame. Ao final rematei estudando a cuestión da emigración.

 

Desde aquela primeira publicación no Libro-programa das Festas do Monte, ata hoxe pasaron nove anos. Cal é, agora mesmo, a situación deste patrimonio e que aconteceu nestes últimos nove anos coas Casas Indianas?

            Ten acontecido un pouco de todo. Perdeuse algunha casa máis, pero tamén é certo que outras se conservaron ou se recuperaron ou restauraron. Incluso algunha persoa que fixo actuacións nelas falaron comigo interesándose pola súa conservación.

 

Ou sexa, que dalgunha forma ese traballo que leva realizado ‘motivou’ aos propietarios desas casas.

            Eu teño tendencia ao exceptismo e ao pesimismo, pero neste caso equivoqueime, felizmente,  e emocióname cando me veñen a consultar. Espero que si, que eses traballos de divulgación sirvan para algo, neste caso, para conservar as casas indianas.

 

Os estudos realizados sobre este patrimonio non se xunguiron só á Guarda nas súas distintas parroquias, afondou tamén vostede nas construccións do Rosal. E Oia presenta tamén esta arquitectura?

            Non tiven tempo de indagar en Oia aínda, pero fixen algunhas pesquisas, pateando, buscando, pero non percibín unha arquitectura, a primeira vista, destacable. En Puerto Rico había xente de Oia, poucos, pero non creo que realizasen unha amplia arquitectura indiana; pode haber algunha casiña illada, penso eu. Pero xa digo que non tiven tempo de afondar neste concello.

 

Non sei se concluíu ese traballo ou quedan aínda casas indianas das que teña que falar.

            Supoño que quedan; supoño, non, seguro que aínda quedan e que eu intuio que poden ser de americanos, de xentes procedentes da emigración ou de familias que cos diñeiros dos ‘americanos’ fixeron casas. Dos puertorriqueños, seguro, e da outra emigración, da maioritaria que foi ao Brasil, eu creo que me quedan a gran maioría.

 

Falla o tempo

            Claro. Esa é outra historia. En Salcidos, por exemplo, non hai unha familia que non coñecese a emigración ao Brasil

 

Diciamos antes que o estudo foi publicado no Libro-programa das Festas do Monte, pero agora atopamos todo ese traballo recopilado nun volume “Casas de indianos. Pontevedra”, publicado pola Xunta de Galicia. Polas súas características, a encadernación, o deseño, a fotografía, satisfeito da publicación?

            Home, eu creo que é unha edición de luxo feita por dúas consellarías. Pero é unha edición que non está a venda, das encargadas por políticos, de modo que se distribuíu, fundamentalmente, dentro da estrutura administrativa, Xunta de Galicia, concellos, pero lamentablemente non ten chegado ao público en xeral.

 

A edición é, pois, limitada ou restrinxida, e ao non ser accesíbel a moita máis xente supoña en vostede unha mágoa, aínda que non deixa de ser unha referencia importante a súa difusión.

            Unha mágoa moi grande, porque ademais o promotor da edición, Fernando Bores, profesor de arquitectura da Universidade da Coruña, enviou unha carta á conselleira Teresa Táboas, para que reservase 163 exemplares para Miguel Villa, para a súa distribución entre os propietarios de cada unha das casas. O número de xemplares recibidos foron os mínimos, e houbo que manexar outros criterios para ese reparto.

 

Qué diferencia o contido desta da publicación con repecto ao divulgado nos Libros-programa. É dicir, hai máis casas engadidas, correccións, ampliacións…?

            Algunha casa engadida, si que hai. Como ampliación, incluín a descrición arquitectónica das casas, porque nos artigos do Libro-programa das Festas do Monte presentaba máis ben unha visión histórica dos protagonistas, dos donos desas casas, e agora centreime máis na arquitectura que me levou a manexar un vocabulario específico e que na miña vida pensei eu que se pudese dicir tanto da fachada dunha casa, e que me custou unha barbaridade aprenderme todos eses elementos arquitectónicos para manexalos con certo rigor. O que tiven foi que elimar o apartado de notas que se reflicten nos libros do Monte sobre os informantes, para facer unha lectura máis amena

 

Dixo que se recollen 163 fichas de casas indianas na publicación?

            Si. O que nos converte nun concello da maior importancia nesta arquitectura. Claro que aínda queda traballo que facer, pero pódese dicir que A Guarda e O Rosal, en relación co norte da Península, como a Mariña lucense onde máis hai, convértense no número un, malia pensarse no norte de Galicia que no sur non existían este tipo de casas.

 

E no recorda as fontes que manexou no seu estudo?

            Pois mira, cando comecei o estudo no ano 2000, chamando ás portas das casas, preguntando aos donos desas casas, a outras persoas da localidade, a miña familia, co obxectivo de coñecer aos donos a onde foran, e lograr a máxima información. Esas referencias orais vante levando a determinadas persoas que a súa vez te conducen a outras. Esto, xunto coa consulta nos arquivos supuxo moito tempo, porque cada casa ten tamén a súa histoira.

 

E púdose dar algunha situación de incomodidade, por decilo dalgún xeito, por parte dos propietarios cando se interesou pola súa casa?

            Si, algún mostrou certa reticencia. Estando diante dalgunha casa sacando fotos saíu pola porta para dicirme, medio en broma medio en serio, ‘como me cataloguen esta casa, móntoche un follón...’, porque se teñen pensado derrubar a casa para construír un edificio, eu tampouco son ni ninguén para dicirlles o contrario, pero paréceme a perda dun patrimonio importante,

 

Como ve un especialista no estudo da emigración guardesa a América e, particularmente, referíndose á arquitectura indiana, o futuro destas casas?

            Manifesteino nalgúns artigos, tamén en “Casas de Indianos”, que o futuro pode estar nalgún tipo de axudas oficiais aos propietarios ou, cando menos, exencións de impostos por obras, etc, porque se trata dun patrimonio histórico, e arquitectónico. E aínda que se trata de pequenas axudas, para os propietarios significan moito porque os animan á súa conservación. Aínda de non existir esas axudas, estano a facer, e fano encantados.

 

É suficiente con conservar a estrutura ou tamén debería de manterse o interior pensando, por exemplo, nos espectaculares teitos que posúen as habitacións e salas dalgunas destas casas?

            É certo que eses ceus rasos presentaban imaxes singulares, realizadas por escaiolistas portugueses en moitas ocasións. Sen dúbida a Casa dos Alonso posuían os teitos máis espectaculares do  Baixo Miño. Quédannos as fotos, que por sorte os PP. Somascos fixeron deses xesos; pódense catalogar como traballos de orfebrería en xeso. Se unha casa está ben conservada por dentro, pódese botarlle man a eses ceus rasos, pero se non é así e a casa xa está deteriorada, haberá que derrubar todo, construír o interior segundo a distribución desexada, pero conservando a fachada, de modo que queda unha casa nova e moderna por dentro, pero con todas as características arquitectónicas destas casas, nas fachadas.

 

Nunha recente entrevista, o ex alcalde Raúl González Puebla dixo pensar en adquirir a casa de don Eloy, coa súa finca, para Casa do Concello, unha idea que lle sacaron da cabeza os seus concelleiros. Ti verías nesa especie de palacete a Consistorial?

            As casas consistoriais precisan tamén doutros servizos, como os aparcamentos. Polas súas características arquitectónicas, o seu xardín marabilloso, etc, para min, e esta é unha opinión moi persoal, para min sería un museo excepcional co seu magnífico xardín e onde se situasen bancos para disfrutar dunha tarde; sería parte dun percorrido cultural no que se incluirían outras referencias.

 

É difícil, xa o sei, porque se poden empregar distintas ópticas na súa elección; aínda así que casa enmarcarías moi especialmente?

            Hai moitas. Acabas de mencionar quizais a máis espectacular, a casa de don Eloy e temos, enfronte, a do seu concuñado, Manuel Alonso. Esas dúas casas fan unha entrada á vila da Guarda impresionante, que ademais están nun excelente estado de conservación e posúen uns xardíns de película, que son únicos. Outra que poderíamos mencionar é ‘As Torres”, en Camposancos

Abril, 2009