PORTADA

NOTICIAS  

A GUARDA

TUI

O ROSAL

OIA

TOMIÑO

BAIXO MIÑO

LOCAL

OUTRAS NOVAS

DEPORTE

AXENDA

NECROLÓXICAS

ENTREVISTAS

COMUNICADOS

PORTUGAL

HEMEROTECA

PÁXINAS

 REPORTAXES

CONCELLO DA GUARDA

RÚAS DA GUARDA

VARIA

FOTOSAYER

FOTOS LECTORES

PATRIMONIO arquivo e documentación

XENTES de Ribadavila

Calendario

ENLACES

 
 
 

 

galiciasuroeste                                                           José Luis Vicente Cadilla

José Luis Vicente Cadilla entende que os dous principais atrancos da senda litoral son a falla de aparcamentos e ausencia de dobre carril

 

José Luis Vicente Cadilla é o portavoz dos veciños da rúa Fernández Albor que reclaman unha serie de melloras no trazado inicial da Senda Litoral, sobre todo entre o comezo desta rúa e a subida polos Outeiros. Unha senda que entende o portavoz dos veciños que ten o seu encanto, pero presenta unhas eivas que con vontade, se poderían subsanar en beneficio da vila e dunha saída para o porto.

 

Como portavoz dos veciños, seguides constatando que hai un problema importante na prolongación da rúa Fernández Albor pola que discorre a senda litoral. Agora mesmo é  un vial de dobre sentido a demanda máis urxente?

            Si, si. Aínda que teñan que ceder os veciños parte dos terreos para poder facer ese dobre carril, o atranco maior é que Costas non cede neses cen metros onde no hai posibilidade de que o fagan os veciños por haber edificacións.

 

As últimas modificacións supuxeron ampliar o ancho da calzada ata Santa Catalina, permitindo aparcamento e dobre carril. Esta medida, en canto a zonas de aparcamento e circulación neste tramo, dá resposta a unha das demandas prantexadas polos veciños?

            Si. A primeira demanda era a falla de prazas de aparcamento na rúa, para veciños, e carga e descarga, e mesmo para ubicar os contedores de lixo. Recortouse uns cincuenta centímetros no ancho da senda, pero o aparcamento logrado pode ser suficiente para os veciños, pero non para os visitantes e usuarios do porto non van dispoñer de espacios. Estamos pendientes das xestións do alcalde que fala de cesións, aluguer ou outro tipo de negociacións cos propietarios de terreos lindeiros coa senda para habilitar prazas de aparcamento. De momento non temos coñecemento de por onde van as xentións, nin cantas prazas se lograrán.

 

Que outras eivas, se nos recordas, pedides que se corrixan sen que ata agora atopasen unha solución axeitada?

            Imos ver. Están os accesos ás rochas, aínda que sobre este aspecto chegamos a un acordo co alcalde para ver que baixadas se van facer; de momento esperamos para ver que resultado final se presenta. Outra cuestión que prantexamos é a saída dos autobuses pois entendemos que a curva por riba da depuradora, inutiliza o paso destes vehículos. A semana pasada chegaron ao porto entre sete e dez autobuses, e poderán seguir vindo co pulo que teñen en Vigo os cruceiros, pero teñen dificultades para saír, despois de que se convertese en sentido único a baixada da rúa Concepción Arenal. É urxente entón pensar nunha saída para os autobuses. Outra cuestión, aínda que quizás non podemos pensar agora nun vial, é dar unha solución, nun momento puntual, ao acdeso dun vehículo cando se quere acceder a algunha das fincas que hai máis alá da depuradora, por exemplo para facer un desbroce ou se se produce un accidente cando os usuarios baixan ás rochas . Estas cuestións deben detallarse por parte do concello ou de Costas.

 

Como resumirías os pasos ou actuacións que a comisión que organizástedes leva feitos ata agora?

            Cando comezaron as obras xa advertimos as deficiencias da rúa, en primeiro lugar a falla de aparcamentos, porque era o que xa se podía ver. E para ir pedindo cousas a modo, nun primeiro momento non pedimos o dobre carril.

            Aínda que nós aspirabamos a máis, a solución que deron, de recortar medio metro, era un mal menor.

            As reivindicacións que se engadiron ao tema dos aparcamentos non lograron, no pleno extraordinario, o apoio do Grupo de goberno, aínda que si tivemos o apoio da oposición. En Semana Santa o goberno deuse conta do problema que se derivaba na zona pola falla do dobre carril. Ao tomar conciencia desta eiva, o concello solicita terreos aos propietarios, que xa no seu día os cederan para abrir esta pista, e nós consideramos que Costas tamén ten que ceder na parte que lle toca, que non sempre teñamos que ceder só os veciños.

 

Estades recollendo sinaturas a prol desta demanda. Que resposta atopades na cidadanía?

            A resposta é moi satisfactoria. Distribuímos polos establecementos follas de firmas, e sempre hai petición de máis follas. Contamos co apoio da xente porque queremos a senda litoral, pero unha senda que estea ben feita; polo menos coas infraestruturas necesarias para a vila e para o porto.  

 

Dentro das medidas que tedes programadas para que se atenden as vosas demandas está levar a cabo unha manifestación, creo que xa autorizada. Podes adiantarnos a data e o percorrido?

            A autorización xa nola concedeu a Subdelegación do goberno, e vai ter lugar o sábado, 22 de maio, con saída ás once da mañá da Alameda, baixaremos pola rúa Concepción Arenal e rematará, coa lectura dun comunicado, no comezo da rúa Fernández Albor.

 

Como xulgas a actuación do concello neste tema?

            O concello vai a remolque. Cando chegou o proxecto da senda litoral, no plano vese moi bonito, pero tiñan que haberse dado conta dos atrancos provocados pola falla de aparcamentos e o dobre sentido que se eliminaba. A sensación que temos, é que o Grupo de goberno vai parcheando, primeiro pola protesta dos veciños, despois comprobando a situación xerada pola falla do dobre carril. A reclamación vai con retraso e sobre obra feita.

 

Como valorades a actitude de Costas?

            Costas fai o que lle dá a gana. Por exemplo, no é favorable á cesión dos terreos, e fala de que as liñas son inamovibles, pero logo, como lles entran cartos no peto, deixan facer e obrar para montar as terrazas dos restaurantes, que si estamos de acordo que lles deixen, pero que non se entende ese dobre sentido de actuar.

 

Finalmente, con que apoios sociais e políticos, ou doutra índole, contades para que se atendan as vosas peticións?

            Desde o principio vimos reclamando apoios de distintos colectivos e da cidadanía. Desde que se convocou o Pleno Extraordinario por este tema, contamos co apoio dos tres grupos na oposición: PP, BNG e IV-TEGA. Apóiannos as asociacións de comerciantes, tanto ACIGU como ÁBACO, e nestes últimos días reclamamos o apoio, e nolo deron, de organizacións pesqueiras, como ORPAGU e a Asociación de Espadeiros Guardeses, e tamén doutras asociacións que teñen algúns problemas, como é a asociación dos veciños de Manuel Álvarez. E continuaremos solicitando apoios. Queremos que Costas nos escoite e sexamos un apoio, unha forza as xestións que se poidan facer desde o propio concello.

Maio, 2010