galiciasuroeste                                                        Ignacio Lomba

Elicio Magallanes, 57 anos na hostalaría e 37 no restaurante Anduriña

 

O porto da Guarda quédase sen un dos seus restaurantes emblemáticos: o Anduriña. Co seu propietario, Elicio Magallanes, que chega a idade da xubilación, ‘xubílase’ tamén este establecemento desde cuxa terraza foron moitos os comensais que disfrutaron dunhas especiais panorámicas do porto.

 

Pero, como son os comezos de Elicio Magallanes no mundo da restauración?

Son os dun rapaz que marcha dunha aldea de Galicia para unha cidade como Sevilla, ao que lle chocaba o particular acento que alí se emprega. En Seville comecei nun bar, onde traballar era máis que despachar. porque, por exemplo, os cafés facíanse nun cacillos individuais, cada un con seu propio filtro, e cunha cuchariña botábase unha cantidade xusta de café para facelo. Foi unha época que recordo con cariño, porque aínda que traballabamos moitas horas, tamén aprobeitabamos para estudar un pouco, ante as dificultades que tiñamos na aldea. Alí pasei catro anos.

 

E despois, viuse para a Guarda

            Non. Antes fun a Madrid, á Escuela de Comunicaciones de Cuatro Vientos, aínda que foi unha etapa curta, pois había que decidir se quedabas ou non no Exército do Aire. Por concurso duns amigos, pasei pola hostalaría de Madrid, onde permanecín uns quince anos. Primeiro nun bar. Co paso do tempo, e segundo vas prosperando, xorden outras iusións, e rematas en restaurantes importantes. Pero logo de 15 anos de ausencia, tiña moita añoranza da terra, dos meus, algo case enfermizo. E un día, uns amigos fálanme deste local (do que ata uns días foi o Anduriña), e decidín que ía regresar nun momento, ademais, que eu digo doce, porque xa tiña o piso adquirido en Madrid, pagado e uns aforros importantes para aqueles tempos.

            Cando estás lonxe, idealizas moito a túa terra, e teño que recoñecer que me custou adaptarme porque, por esa idealización que fas, levas despois, entre comiñas, “unha bofetada global”, porque nin a torre era tan alta, nin aquela árbore tan pequena, nin o camiño tan bonito. Detalles que no teu maxín, nesa ausencia da terra, idealizastes.

 

Estamos falando de que anos?

            Pois polo 71 debeu ser. O propietario co que cheguei a un acordo de traspaso, falloume, e non me facilita o restaurante. E fíxenme co bar Puerto Rico, por pouco tempo, porque a min o bar non me gustaba, eu aspiraba a ter o meu propio restaurante, e vendino. E estaba decidido a regresar a Madrid, onde un amigo puña ao meu dispor un restaurante e outros, tamén me ofreceran traballo. Penseino e, xa que estaba na miña terra, quería disfrutar de Galicia. Atopei traballo no Hotel Samil, ata que xurdiu, de novo, a posibilidade de traspasarme este local (o Anduriña) que xa tiña outros propietarios. Tiven que buscar un avalista porque eu non dispoña da cantidade que me pedían daquela e que aínda que poderiamos pensar que fora moi caro aquel traspaso, finalmente resultaría satisfactorio porque foi a miña vida durante 37 anos, que son os que levo aquí.

 

E con máis de cincuenta anos de profesión, ten algo que ver un restaurante de hoxe con aqueles dos seus comezos?

            Posiblemente cambiou moito en certas facetas, incluso, creo eu, nalgunhas para peor. Estou pensando por exemplo, naqueles restaurante de Madrid nos que traballei, cun tipo de servizo tan elegante, tan completo, tan profesional, que os que hoxe temos aquella vella escola, sufrimos bastante vendo que o servizo non é aquel que nos tiñamos idealizado.

            Por outra banda, hoxe hai outras esixencias por parte do cliente. A cociña tamén evolucionou moito, aínda que naqueles restaurante de Madrid xa se podía falar dunha gran hostalaría, gran gastronomía e grandes xefes de cociña.

 

Percíbese agora que o cliente é menos fiel e busca outros establecementos para comparar precios, mesmo calidades, ou nesto non hai tanta diferencia con respecto a hai medio século?

            Agora a xente vai para adiante e para atrás, observa, recorre todas as cartas.

Non é unha presunción, é unha realidade: o Anduriña seguiu vivindo, nunha porcentaxe moi alta, dos clientes que eu chamo ‘de sempre’: viñeron os pais, os fillos que son maiores, logo os netos. De todos modos, non hai hai dúbida, e sobre todo nesta época que estamos a vivir, nesta crise, que a xente busca e compara prezos.

 

Vostede formou parte de distintintas institucións locais, provinciais, a nivel galego. Que lle suxire as siglas ACIGU?

            Foi unha anécdota nun momento triste que pasaba este pobo. A xente reuníase na Praza do Reló, todo o mundo dicía cousas, pero ninguén propuña nada. E como había algún problema que nos afectaba, eu propuxen que a única solución era montar unha asociación local de empresarios, e aquilo foi como quen prendeu unha mecha. Houbo unha convocatoria xeral e no Salón de Plenos do concello reuníronse empresarios e autónomos formándose unha  xestora que daría os pasos para crear o que sería ACIGU, asociación da que fun presidente, e que ten feito, un papel eu creo que importante na Guarda.

 

E se falo da Festa da Lagosta?

            Cando no ano 1979, Adolfo Parente, corresponsal de Faro de Vigo, sendo eu vicepresidente da Federación Provincial de Hostelería, fíxome unha entrevista na que, respecto ao tema local, eu propoña que para dinamizar a Guarda, entre outras cousas, haberñia que crear unha semana gastronómica que se inciaría co estandarte dun dos produtos que nos distinguía; cunha festa dedicada á lagosta, dado que había unha importante flota dedicada á súa captura e posuíamos as vellas cetáreas de toda vida. Cando xurdiu ACIGU, entre as primeiras ideas foi propoñer a celebración dunha festa dedicada á lagosta. Lembro que os compañeiros da Xunta Directiva, quizais porque non eran do sector da restauración, non vían esta alternativa moi viable; e foi complicado aprobar esta iniciativa, que se conseguiu porque (e debe figurar así nas actas de entón), dixen, se non me apoiades, vai ser igual vouna facer eu só. E aprobouse, e con tan bo criterio que se quixo implicar ao concello que, nese primeiro ano pagaba a lagosta e tamén a cobraba, quitándonos un peso de enriba. E pouco a pouco o concello foise involucrando máis nesta festa ata rematar sendo, na actualidade, o seu promotor. Teño que dicir que, con aquela idea inicial de querer conseguir unha semana gastronómica, conseguín facer un segundo día coa Festa da Rosca de Xemas, outro produto típico da Guarda.

 

Que lle aportou a restauración a Elicio Magallanes

            Deume todo o que teño, pois durante 57 anos non traballei noutra cousa; todo saíu da hostalaría. Por outro lado, e tendo en conta que tiña un público concreto, por aquí pasou tamén xente importante que, cuns máis con outros menos, fais amizade. Ademais polo feito de  ter participado en sociedades gastronómicas, colectivos relacionados coa restauración, etc., a restauración deume grandes momentos, e amizades; e amigos, e grandes compromisos, aínda que posiblemente tamén debeu de haber momentos máis complicados.

 

E nestes 57 anos de vida activa, con que se queda Elicio Magallanes?

            (Rí irónicamente) Quédome coa xubilación...      A xente fala moito, e esta profesión suxírelle unha vida moi esclava. Quizais, e porque eu crecín neste ambiente desde os 14 anos, non notei tanto esa falla. Pero claro, logo veñen os fillos, os netos xa, é entón cando empezas a notar, efectivamente, esa falla de tempo que ten a nosa cultura. De que existen os sábados e tamén os domingos, nos que a xente se reúne e confraterniza; pero para nós, e durante unha vida completa, son eses, sábados, fomingos e festivos, os días de maior compromiso, de máis traballo, e seguramente de menos posibilidades de estar coa familia, cousa que, quizais, andando os anos... (emociónase Elicio ao ser consciente que non puido dedicar o tempo que quixera á familia) é o que agora máis noto que me faltou... Teño que recoñecer que tiven pouco tempo para a familia...

 

Deixámolo aí, Elicio. Cando vostede decide que é tempo de concluír esta etapa da súa vida e que vai pechar o lugar que formou parte de seu durante 37 anos, que lle ronda pola cabeza?

            Certo que lle dediquei moitas horas, moitos días, moitos anos a esta profesión. Pero tamén é certo que tiña interese por outras cousas, por ler, por viaxar. Sempre me tiven como unha persoa que, cando marchaba do traballo ‘cortaba’ moi ben e non estaba teimando ‘qué pasará alí’. Entón non creo que vaia ter nostalxia nese sentido de... home, haberá quizais momentos, non o sei, pero creo que o vou levar bastante ben, e dedicarei o tempo á familia, ás miñas afeccións, a cousas que quixen facer e non puiden, aínda que quizais para algunhas xa será un pouco tarde...

 

Volvería vostede, nunha segunda oportunidade, á restauración, ou buscaría outro medio de vida?

            Hai moitos medios de vida que son atractivos. No cómputo xeral da miña vida profesional, non fun un desdichado; fun feliz na hostalaría. Proporciona moitas cousas agradables, moitas relacións, como dicía antes... Non, non; non renuncio á forma que elexín para desenvolverme profesionalmente, e salvo aquelas circunstancias que dixen antes, porque sempre existe unha contrapartida non desexada, pero que está aí, fun feliz no desenvolvemento desta profesión.

 

E para rematar, aínda que xa dalgunha forma o adiantou antes, por onde andan os días vindeiros de Elicio Magallanes?

            Como dixen antes, esto deume para o que son e para o que teño, e teño unha finca na que dedicarme a  podar uns arbolitos, un camelios, uns laranxos, un limoeiros. Dedicarei ese tempo precioso á familia e a letura. E por suposto, tamén a facer algunha viaxe coa miña muller. Creo que vou seguir estando ocupado; penso que me vou entreter e que vou ser feliz coa idade que teño. Hai moitas cousas que se poden facer e espero que a añoranza de todo esto non sexa capaz de crearme algún tipo de problema.

 

Pois moitísimas grazas, Elicio, e agora a disfrutar do merecido descanso.

Novembro, 2010